publicidade hoxe

Educación executará este verán 22 obras de rehabilitación integral ao abeiro dos fondos de superávit

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional executará este verán un total de 22 obras de rehabilitación integral en centros de ensino das catro provincias galegas ao abeiro dos fondos de superávit, por un importe total de 21,4 millóns de euros. Así o sinalou o secretario xeral técnico, Jesús Oitavén, nunha comparecencia no Parlamento de Galicia na que explicou que isto será posible grazas a que o seu departamento encargou os proxectos destas intervencións no mes de decembro de 2018. Ademais, dado que a execución das obras é necesario o outorgamento das licencias municipais, “os proxectos foron todos remitidos na segunda quincena de abril aos concellos, polo que estimamos que haberá tempo suficiente”, indicou.

Jesús Oitavén destacou que a plataforma de Contratos de Galicia publica hoxe mesmo a licitación das devanditas 22 rehabilitacións, o que permitirá adxudicar as obras a finais de xuño e comezalas a mediados do mes de xullo, sempre e cando se outorguen as pertinentes licenzas municipais. Deste xeito, a meirande parte das obras de maior impacto e incomodidade podería quedar rematada no comezo do curso, de tal xeito que as restantes obras interfiran o menos posible na actividade lectiva.

Plan de dotación de infraestruturas educativas
Tal e como lembrou Jesús Oitavén, estas obras enmárcanse no Plan de dotación de infraestruturas educativas, que vén de ampliar a súa vixencia nun ano para o período 2016-2021, ao abeiro do cal tamén está programada para este ano outras obras, tanto de nova construción como de reforma, ampliación e mellora de 8 actuacións de rehabilitación enerxética.

O impacto total do Plan será, computando os tres anos executados e os dous programados (2019 e 2020) de 116 grandes actuacións, o que supón actuar no 10,6% dos centros. Territorialmente, isto supón actuar en 72 concellos, o 23 por cento da totalidade dos de Galicia e beneficiar a 33.067 alumnas e alumnos (o 13% do total), tal e como resumiu Jesús Oitavén.

Neste sentido Jesús Oitavén defendeu que se está a xestionar “un orzamento de preto de 200 millóns de euros para obras en seis anos”, aos que hai que engadirlle os 21,4 millóns de euros do superávit desde ano 2019 e os eventuais que se poidan derivar do superávit do ano 2020. “Isto só é posible cando as cousas se fan con traballo rigoroso”. Así mesmo incidiu en que o Plan de dotación de Infraestruturas Educativas 2016-2021 “suporá a renovación dos centros educativos máis antigos, ademais dun compromiso medioambiental claro, a través das actuacións de rehabilitación enerxética”.

Ademais, explicou que “o investimento destinado a obra nova responde ás necesidades de incremento de prazas no sistema educativo público galego, especialmente nas zonas de maior crecemento demográfico; así como ao aumento da matrícula na Formación Profesional”.

Así mesmo, o secretario xeral técnico explicou que desde 2009 ata finais de 2018 a Xunta de Galicia ten executado en materia de obras en centros de ensino un total 266,8 millóns de euros. Tamén, destacou “un total de 166 grandes obras licitadas, dende maio de 2009 a maio de 2019, por un importe total de 150,2 millóns de euros. Entre elas, 16 novos colexios ou institutos, 54 grandes ampliacións e 38 rehabilitacións enerxéticas”.

10 de maio de 2019 | 10:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.