publicidade hoxe

Carmen Pomar salienta a importancia do Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia para fortalecer o proxecto europeo

Presentación do galardón

Presentación do galardón

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, salientou hoxe a importancia do Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia para fortalecer o proxecto europeo. Na súa intervención na rolda de prensa de presentación do galardoado deste ano a conselleira explicou que na actualidade, cando algúns sectores están a poñer en dúbida este proxecto, “é máis importante ca nunca poñer de relevancia a figura das persoas e entidades que acadaron este recoñecemento”. Neste sentido explicou que as premiadas e premiados, “desde a excelencia que demostran nas súas disciplinas particulares, desenvolven un intenso traballo a favor do que é sen dúbida o máis importante dos valores de Europa, a convivencia pacífica e cooperativa entre os pobos”.

Carmen Pomar agradeceu a Greenia a súa presenza en Compostela, antes de que se lle entregue o galardón o vindeiro 4 de xuño na Asemblea Xeral do Grupo Compostela de Universidades en México. Neste sentido lembrou que, ademais dun intenso labor académico arredor das rutas xacobeas, o galardoado “é un grande amigo do Camiño de Santiago”, que percorreu en persoa en numerosas ocasións.

Na rolda de prensa George Greenia deu a coñecer a entidade á que doará o montante económico do premio, o Instituto de Estudos das Peregrinacións da institución de educación superior William & Mary (EEUU). O profesor explicou que o instituto está centrado na “investigación científica das viaxes de transformación persoal en todo territorio, tempo e tradición”. Tras detallar algunhas das liñas de investigación do mesmo en torno a diversas rutas de peregrinación internacionais, destacou que o éxito do Camiño de Santiago “ofrece un modelo de hospitalidade, de valores espirituais e de comprensión que inspira a todos”.

“Non podíamos atopar mellor embaixador para avanzar no espallamento do fenómeno xacobeo” afirmou Antonio López en referencia á elección de George Greenia como gañador do Premio Grupo Compostela-Xunta de Galicia. Ademais de agradecer a súa presenza en Compostela, o reitor destacou ao premiado como un “profundo coñecedor dos valores do Camiño, valores a proxectar e que son parte esencial do éxito desta ruta”.

Pola súa banda a secretaria executiva do Grupo Compostela de Universidades, Teresa Carballeira, subliñou que a concesión do galardón deste ano “simboliza á perfección o espírito do Grupos Compostela de Universidades ao conxugarse na figura de George Greenia a cultura do vello continente e a enerxía dinamizadora do novo mundo”.

Perfil do galardoado

George Greenia é fundador do Instituto de Estudos de Peregrinación da institución académica William & Mary, ademais de formar parte do consello asesor de Cadernos de Estudos Galegos do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC), así como do comité científico da revista de estudos xacobeos e da peregrinación Ad Limina.

O profesor foi tamén fundador da American Pilgrims on the Camino, a maior organización de peregrinos a Compostela nos Estados Unidos, especialmente implicada na difusión dos valores das rutas xacobeas e en impulsar o seu coñecemento e fomentar o contacto entre as persoas interesadas e percorrelas. “Con esta traxectoria académica e persoal non podemos estar máis satisfeitos co fallo do xurado deste ano”, dixo a conselleira.

22 de maio de 2019 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.