publicidade hoxe

‘Camiños Sonoros’ chega á Mezquita e Verín, con concertos a cargo de novos prodixios galegos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA MezquitaCalendarioLocal PortadaOurenseVerín
A-
A+

Os concellos ourensáns da Mezquita e Verín acollerán esta fin de semana os concertos de Camiños Sonoros, o novo ciclo musical impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo en colaboración coa Asociación de Xuventudes Musicais Eixo Atlántico que, no marco da programación do Xacobeo 21, divulga o Camiño de Santiago a través da música e conta coa participación de estudantes de conservatorios profesionais de música da Comunidade.

Xoves músicos dos conservatorios de Vigo e A Coruña levarán un repertorio clásico e tamén unha sesión de jazz a estes dous concellos ourensáns. A primeira cita será na Mezquita (Ourense) o venres ás 20,00 horas, cun concerto de clarinete, violín e piano no que soarán pezas de Mozart, Poulenc e Stranvinsky, na igrexa de San Martiño. O sábado, na igrexa da Mercé de Verín (Ourense) ás 20,45 horas o protagonista será o piano, cun programa con pezas de Chopin, Mozart, Prokofiev e Debussy. Verín tamén acollerá a sesión matinal do domingo, na praza da Mercé, ás 13,30 horas, onde o público poderá gozar de temas clásicos do jazz a cargo dun dúo de piano e baixo.

Todos os concertos son gratuítos, están dirixidos ao público xeral e son parte dun programa de 40 actuacións que terán lugar as fins de semana de maio, xuño e xullo en diferentes emprazamentos de interese patrimonial na Vía da Prata como, entre outros, o Castelo de Monterrei, o Mosteiro de Carboeiro, o Mosteiro de Oseira, o Pazo de Liñares en Lalín ou o Pico Sacro, en Boqueixón, percorrendo as tres provincias galegas polas que pasa este itinerario xacobeo.

O Camiño a través da música

Este ciclo musical forma parte da programación previa do Xacobeo 21 e inclúese no calendario do Plan Director do Camiño de Santiago, que en 2019 prioriza melloras e diferentes accións de dinamización cultural na Vía da Prata. Ademais de divulgar o Camiño de Santiago a través da música, este festival afondará tamén na profesionalización do sector musical. Por iso, o programa incluirá unha xornada formativa de autoemprendemento musical, con clases sobre ferramentas e habilidades para desenvolver unha carreira profesional dentro da música e cun grupo de actores da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESADg).

Ademais, o 2 de xuño en Santiago de Compostela celebrarase o Concerto dos embaixadores, coa participación dos músicos Susana Seivane, Abe Rábade e Víctor Prieto -todos nacidos nalgunha localidade da Vía da Prata, ou con especial relación con algunha delas- que actúan como embaixadores desta iniciativa.

PROGRAMA DE ‘CAMIÑOS SONOROS’ DESTA FIN DE SEMANA

Venres 17 de maio
● A Mezquita. Igrexa de San Martiño. 20,00 h.

Intérpretes:
Raúl Reyes Fuentes, clarinete
Melisa Karic, violín
Iria San Marcial Comesaña, piano

Sábado 18 de maio
● Verín. Igrexa da Mercé. 20,45 h.

Interpréte:
Marina Fernández Rueda, piano

Domingo 19 de maio
● Verín. Praza da Mercé. 13,30 h.

Intérpretes:
Gerson Tineo Moffi, piano jazz
Aarón Cazas Bellas, baixo jazz

15 de maio de 2019 | 16:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.