publicidade hoxe

Ángeles Vázquez defende que a nova Lei de Rehabilitación é integral, por buscar a rexeneración física e social de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Intervención parlamentaria da conselleira

Intervención parlamentaria da conselleira

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, defendeu esta tarde que a primeira Lei de Rehabilitación de Galicia é unha ferramenta integral, ao apostar pola rexeneración física e social da Comunidade. Ángeles Vázquez explicou que se trata dunha lei que recolle medidas de potenciación e recuperación dos cascos históricos, que tamén inclúen medidas económicas, sociais, culturais e de impulso á actividade comercial; así como, mecanismos que eliminen os atrancos que dificultan a recuperación do construído, que fomenten a colaboración entre administracións e medidas que faciliten a posta en marcha de actuacións de recuperación.

Aclarou que a norma, que entrará en vigor o vindeiro 22 de maio, responde e dá solución a todos os posibles problemas que se poden presentar á hora de rehabilitar un inmoble e garante a protección do patrimonio cultural, arquitectónico e arqueolóxico; pois o único obxectivo é facilitar as cousas a quen quere rehabilitar apostando pola protección do patrimonio, dous aspectos perfectamente compatibles. É dicir, estase a poñer en valor bens, que doutro xeito estarán condenados ao abandono.

Coa nova Lei de Rehabilitación estase a dotar a Galicia dunha norma que impulsa a colaboración e coordinación entre as administracións, así como a axilidade nos procedementos; que protexe, pon o acento na protección dos valores que se teñen que conservar de acordo co establecido na Lei de Patrimonio Cultural; e permite axilizar as actuacións que non afecten a elementos especificamente protexidos.

Nin unha soa verdade

A conselleira de Medio Ambiente lamentou a actitude que está a manter a oposición respecto desta lei pioneira en Galicia e das primeiras no Estado, pois coas súas “mentiras o único que se consegue é confundir ás persoas que queren recuperar o construído”. É dicir, estase a favorecer e a poñer en valor os bens, que doutro xeito estarían condenados ao abandono definitivo e recalcou que non hai maior desprotección que o abandono.

Incidiu en que a nova lei será unha ferramenta para loitar contra o abandono e darlle vida aos cascos históricos das vilas e cidades galegas.

8 de maio de 2019 | 19:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.