publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta vén de aprobar 3,8M€ en axudas para realizar obras en máis de medio cento de concellos lucenses

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoLugoPortada dereita
A-
A+

A Xunta de Galicia vén de resolver tres programas de axudas da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza que suman un investimento de 3,8 millóns euros para o desenvolvemento de obras en máis de medio cento de concellos da provincia de Lugo.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, deu conta hoxe das resolucións do Fondo de Compensación Ambiental -liñas competitiva e non competitiva- e da convocatoria para a mellora de infraestruturas públicas, tres plans de apoio destinados a colaborar cos concellos no financiamento de obras e servizos de competencia municipal.

Balseiro explicou que con estas iniciativas a Xunta impulsa o desenvolvemento de 81 proxectos promovidos por 56 concellos lucenses -algúns acceden a máis dun programa- e as mancomunidades de municipios da Mariña e a Terra Chá.

O Fondo de Compensación Ambiental redistribúe o orzamento recadado a través do canon eólico que xestiona a Xunta para que reverta nos concellos lucenses financiando obras de interese ambiental ou de mellora das súas infraestruturas. A liña non competitiva beneficia só a aqueles que teñen no seu territorio instalacións eólicas, que no caso de Lugo son 29 concellos e suman axudas por importe de 2.308.000 euros. Neste caso o Goberno galego asume o 100% do custe da obra o servizo proposto polo concello.

A liña competitiva do fondo de compensación distribúese entre todos os concellos, teñan ou non instalacións eólicas, en base a criterios obxectivos. Na provincia de Lugo desenvolveranse proxectos en 31 concellos cunha achega da Xunta de 875.000 euros -a media da axuda da Xunta é do 76% do investimento subvencionable-.

Finalmente, a liña de axudas para a mellora de infraestruturas públicas distribúe en Lugo 633.700 euros entre 23 concellos e as dúas mancomunidades citadas.

20 de maio de 2019 | 16:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.