publicidade hoxe

A Xunta subvenciona con 170.000 euros dez festivais galegos do sector audiovisual

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

Dez festivais galegos do sector audiovisual son os adxudicatarios en 2019 das subvencións que, para este tipo de eventos, convoca cada ano a Consellería de Cultura e Turismo. Faino a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que acaba de publicar no seu web a relación dos certames entre os que se distribúen os 170.000 euros destinados a estas axudas: Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui, Festival de Cans (O Porriño), Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto (Santiago de Compostela), (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico (A Coruña), FICBUEU Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, Novos Cinemas. Festival Internacional de Cinema de Pontevedra, Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) do Museo do Pobo Galego (Santiago), Festival Primavera do Cine en Vigo, FKM Festival de Cinema Fantástico da Coruña e Festival de Cine Inclusivo de Vigo.

En concreto, este ano apóianse con 38.000 euros o XV Play-Doc, con 27.770 euros o XVI Festival de Cans, con 26.574 euros o XVI Curtocircuíto, con 25.745 a décima mostra (S8), con 20.682 euros o X FICBUEU, con 7629 a XIII MICE e con 3564 o XI FKM, así como outros tres encontros que se incorporan por vez primeira á listaxe de adxudicatarios: a pasada edición de Novos Cinemas (12.129 euros), VIII Primavera do Cine (5083 euros) e IV Festival de Cine Inclusivo (2819 euros).

A Agadic desenvolve este programa específico de subvencións para regular, a través dunha convocatoria pública e en réxime de concorrencia competitiva, o apoio económico a festivais galegos de cine de carácter profesional que, polas súas características, teñan un interese estratéxico para o sector. Unha comisión integrada por especialistas independentes foi a encargada de analizar as propostas presentadas, así como de valorar a súa traxectoria, programación, viabilidade e interese.

O obxectivo é apoiar o labor de difusión deste tipo de certames nos diferentes xéneros e formatos audiovisuais nos que están especializados: documentais, curtas, cinema experimental, etnográfico etc. A resolución da convocatoria, que inclúe as puntuacións obtidas por todos os proxectos valorados, pode consultarse nos apartados de avisos e axudas do web da Agadic.

9 de maio de 2019 | 19:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.