publicidade hoxe

A Xunta proporalle ao Ministerio de Fomento colaborar para estender a todos os servizos ferroviarios de media distancia de Galicia o uso da tarxeta de transporte metropolitano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta proporalle ao novo Ministerio de Fomento colaborar para estender a todos os servizos ferroviarios de media distancia en Galicia o uso da tarxeta de Transporte Metropolitano como medio de pago vantaxoso.

A conselleira de infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou que medida xa funciona na área de transporte de Ferrol, onde a tarxeta de Transporte Metropolitano de Galicia se pode usar para pagar o FEVE. E apuntou que estendela abriría a posibilidade de que a Xunta puidese bonificar o transbordo do tren ao autobús, de acordo cos principios de funcionamento do Plan de transporte metropolitano de Galicia.

Segundo subliñou, esta medida sería especialmente útil cando se poñan en servizo as estacións intermodais nas que traballa o Goberno galego nas diferentes cidades da Comunidade, fomentando así o uso do transporte público ao facilitar o intercambio entre os seus soportes.

Vázquez informou de que a Xunta xa se dirixiu a Renfe para propoñerlle colaborar para fomentar a interoperatividade dos medios de pago do tren e o autobús. Con ese obxectivo, a Xunta suxeriulle xa a posibilidade de usar a tarxeta de Transporte Metropolitano nos servizos de ferrocarril para ofrecer facilidades de pago e vantaxes económicas nos transbordos.

E, avanzou, “este será un asunto que poremos enriba da mesa na primeira reunión que manteñamos cos responsables de Fomento do novo Goberno”.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade respondeu hoxe no Pleno do Parlamento Galego a unha interpelación sobre os servizos ferroviarios na Comunidade. Na súa resposta, puxo en valor o traballo continuado da Xunta para defender ante o Ministerio de Fomento, titular das competencias en ferrocarril, unha continua mellora das infraestruturas e servizos que operan en Galicia.

Nese sentido, garantiu que o Goberno galego continuará a defender ante o novo Goberno de España a necesidade de avanzar cara a unha homoxeneización de tarifas dos servizos ferroviarios, que son na actualidade máis elevadas na liña Ourense-Santiago que no Eixo Atlántico. Apuntou que a situación dos prezos se viu agravada desde que o pasado xaneiro o Executivo central incrementou a tarifa dos trens Avant.

Así mesmo, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade anunciou que a Xunta manterá a súa liña de traballo en defensa da finalización da Alta Velocidade entre Galicia e a Meseta nos prazos comprometidos; a transferencia da AP-9 a Galicia; e o impulso dos proxectos concretos que permitan modernizar a liña galega de transporte de mercadorías incluída no Corredor Atlántico, empregando os fondos europeos.

Renuncia ao transporte público por parte do Concello de Pontevedra
Ethel Vázquez manifestou a súa sorpresa ante o feito de que o BNG mostre no Parlamento galego preocupación polos servizos ferroviarios mentres desatende o transporte público en autobús. A ese respecto, lamentou que o Goberno municipal de Pontevedra, que ostenta o BNG, ignorase o requirimento do Parlamento galego de posta en marcha dun servizo de transporte urbano, tal e como é o seu deber legal como municipio de máis de 50.000 habitantes.

A conselleira asegurou que “a implicación do Concello de Pontevedra co transporte público e cero son o mesmo”, non só porque renuncia a investir nel, senón porque tamén este municipio mantén bloqueado o Plan de transporte metropolitano na comarca. Desta forma, dixo, o Goberno municipal do BNG condena, por exemplo, aos mozos menores de 19 anos da comarca a non poder empregar a Tarxeta Xente Nova, coa que o autobús lle sairía gratis.

8 de maio de 2019 | 19:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.