publicidade hoxe

A Xunta promove o consumo de produtos ecolóxicos entre a xuventude

Presentación do programa escolar Fai Eco do Lóxico

Presentación do programa escolar Fai Eco do Lóxico

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, e polo director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, participou hoxe no programa escolar Fai eco do lóxico que promove o consumo de produtos ecolóxicos entre os máis novos, explicando os seus beneficios tanto para a saúde como para o medio ambiente.

En concreto, o conselleiro trasladouse ao Instituto de Educación Secundaria Arcebispo Xelmírez II de Santiago de Compostela, onde comezaba este programa, e alí animou aos preto de 80 mozos participantes a confiar na produción ecolóxica. “Os mellores produtos do mundo son os de Galicia e, en concreto, os ecolóxicos, produtos 100% naturais sen ningún tipo de engadido químico”, declarou González.

Para o titular de Medio Rural a agricultura ecolóxica é “o futuro que vén do pasado” e proba diso é que cada vez máis xente aposta por mercar este tipo de alimentos. De feito, nos últimos anos a agricultura ecolóxica en Galicia está a rexistrar un crecemento destacado cun aumento do 33% no volume de ventas certificadas, que pasou de 59 millóns de euros en 2017 a 78,7 millóns o pasado ano.

O crecemento é aínda máis significativo se temos en conta que no 2008 este dato era de tan só 12,7 millóns de euros. É dicir, en dez anos o valor económico das vendas multiplicouse por seis. Ademais, cómpre sinalar que deses case 80 millóns de euros, uns 26 corresponden ao leite e os seus derivados, sendo así a orientación produtiva que máis ingresos xera.

Respecto á superficie inscrita, esta medrou un 5,8% no último ano en Galicia e o número de operadores nun 8% ata chegar aos 1.152 entre os que se atopan produtores, comercializadores, etc.

Polo tanto, estes datos reflicten que a produción ecolóxica en Galicia é unha actividade que xera riqueza e emprego no agro e dende a Consellería do Medio Rural apóstase por ela como unha opción interesante tanto desde o punto de vista ambiental, xa que é máis sostible e menos daniña para o entorno, como dende unha perspectiva económica.

Fai eco do lóxico

Pola súa banda o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación educativa, Manuel Corredoira, salientou a importancia do Plan Proxecta -no que se enmarca esta iniciativa- como paraugas coordinador de todas as iniciativas impulsadas desde diferentes consellerías e organismos para fomentar diversos valores de forma transversal a través do ensino. Neste caso concreto, “Fai eco do lóxico”, integrado na liña Aliméntate Ben, no que traballan de xeito coordinado as consellerías de Educación, Universidade e Formación Profesional, de Sanidade, do Medio Rural e do Mar co obxectivo último concienciar aos máis novos dos beneficios para o medioambiente e para a saúde dos produtos ecolóxicos, promovendo hábitos de vida saudables.

Neste curso académico participan no programa un total de 46 centros educativos de toda Galicia, 34 de primaria e 12 de secundaria, cifras coas que se superaron todas as expectativas (o ano pasado foron 34 os centros inscritos). A iniciativa consiste nunha serie de charlas, degustacións de produtos ecolóxicos e xogos, que se complementan cun concurso para premiar os mellores traballos sobre esta temática realizados ao longo do curso e que se estrutura en tres categorías (infantil, primaria e secundaria).

15 de maio de 2019 | 16:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.