publicidade hoxe

A Xunta licita o novo contrato que garantirá máis de 1.600 inspeccións en pontes e obras de paso de estradas autonómicas nos vindeiros 5 anos, cun investimento máximo de 1,5 M€

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Ethel Vázquez en rolda de prensa

Ethel Vázquez en rolda de prensa

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, destacou a licitación hoxe do novo contrato que garantirá máis de 1.600 inspeccións en pontes e obras de paso nas estradas autonómicas nos próximos 5 anos, cun investimento máximo de 1,5 millóns de euros.

Vázquez Mourelle destacou que este contrato permitirá realizar inspeccións na práctica totalidade das pontes e obras de paso nas vías autonómicas, co obxectivo de traballar pola seguridade das infraestruturas e, en consecuencia, pola das persoas.

Fixo fincapé en que se inspeccionarán estas estruturas e se actuará nas que sexa necesario para previr e anticiparse a posibles problemas que poidan vir.

As empresas de enxeñería interesadas na realización deste contrato teñen de prazo ata o próximo 17 de xuño para a presentación das súas ofertas.

Explicou que se trata dun servizo necesario porque para os traballos de inspección é necesario contar con persoal con experiencia e técnicos especialistas, así como con medios materiais que permitan acceder aos puntos que sexa preciso revisar nas estruturas.

Subliñou que este programa está mellor adaptado á realidade territorial galega, grazas á experiencia acumulada polos enxeñeiros da AXI, polo que responderá con maior eficacia ás particularidades que pode ter a rede de estradas da comunidade galega.

Cómpre ter en conta que nos 5.500 km de estradas de titularidade da Xunta hai 170 km de pontes, unha estrutura cada 3 km de estradas, unha cada 300 metros, nos casos de vías de alta capacidade.

Ethel Vázquez avanzou que a Xunta licitará en verán un novo contrato para estender este labor de inspección aos muros de contención e noiros das estradas, para anticipar posibles problemas como desprendementos e que Galicia sexa novamente referente nesta materia.

Nova guía galega

A conselleira sinalou como novidade que a empresa adxudicataria do contrato licitado hoxe deberá elaborar unha guía propia sobre as inspeccións e obras de pasos de Galicia, pois ata agora o único manual é o do Ministerio de Fomento, pero ten casuísticas que, nalgúns puntos, pouco teñen que ver coa realidade orográfica e as singularidades das infraestruturas galegas.

Concretou que a nova guía posibilitará aglutinar todos os coñecementos, coa experiencia acumulada das inspeccións realizadas, do seu seguimento e das solucións adoptadas en pontes e obras de paso nas estradas autonómicas para a súa mellor conservación.

Este texto recollerá unha clasificación en tipoloxías homoxéneas das obras de paso de titularidade da Xunta, tendo en conta materiais de construción, a data na que se construíron, os tipos de cimentacións ou de apoios. Tamén se incorporará un catálogo de danos ocasionados ou daqueles máis probables, unha programación temporal de futuras inspeccións ou os tipos de actuacións máis representativas nas obras de paso.

Ethel Vázquez apuntou que esta guía será de grande utilidade para o día a día dos enxeñeiros de Camiños e os técnicos que traballan na Axencia Galega de Infraestruturas, ao proporcionar solucións singulares e adaptadas a este tipo de estruturas das estradas autonómicas.

13 de maio de 2019 | 16:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.