publicidade hoxe

A Xunta licita a construción da senda peonil e ciclista que conectará a Pobra de San Xiao con Valdriz, cun orzamento de 729.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLáncaraLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licita hoxe na plataforma pública de contratación de Galicia as obras de construción da senda peonil e ciclista que unirá A Pobra de San Xiao coa urbanización de Valdriz, no municipio de Láncara, cun orzamento de 729.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que as empresas interesadas teñen de prazo ata o día 17 de xuño para presentar as súas ofertas. O prazo máximo de execución das obras será de oito meses.

Os traballos servirán para habilitar un itinerario continuo para peóns e ciclistas paralelo á estrada LU-621 pola marxe esquerda nunha lonxitude de 460 metros, entre os puntos quilométricos 0,580 e 1,040. En 240 metros -entre os puntos 0,740 e 0,980- a senda sepárase da calzada actual. O proxecto inclúe a iluminación en todo o treito.

Pero ademais, realizaranse melloras no propio trazado da estrada LU-621 nesa área, cun incremento do radio mínimo existente e con mellora do peralte e adherencia; incrementarase a sección ata conseguir unha plataforma con dous carrís de 3,00 metros e beriavías exteriores de 0,50 metros. Ampliarase a ponte sobre o río Neira mediante unha lousa de formigón armado en dobre voladizo.

Tamén se vai reformar a intersección coa urbanización Playas de Valdriz coa implantación dunha nova glorieta de 28 metros de diámetro, con calzada anular integrada na trama urbana, que resolve a problemática existente en canto a movementos de cruce e xiros á esquerda, mellorando a seguridade de vehículos, ciclistas e peóns nese treito.

O Consello da Xunta deu luz verde ás expropiacións necesarias para este proxecto o pasado 9 de maio, e o Diario Oficial de Galicia publicaba o día 13 de maio a resolución da aprobación do expediente de información pública do proxecto, posibilitando a licitación das obras.

22 de maio de 2019 | 16:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.