A Xunta inicia as obras de reforzo do firme na estrada de Portugal, no concello de Lobios
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciará mañá as obras de reforzo do firme no tramo antigo da estrada OU-312, coñecida como a estrada de Portugal, no Concello de Lobios
Esta actuación de mellora da seguridade viaria enmarcase nos contratos de conservación de estradas da Axencia Galega de Infraestruturas e dispón dun orzamento de 50.000 euros.
A intervención no núcleo de Lobios comprende un tramo duns 650 metros, desde a intersección co trazado actual da estrada OU-312, no punto quilométrico 1+150, e ata o cruce coa estrada OU-1202 e o acceso ao barrio Fontevila, unha vez pasado o cuartel da Garda Civil.
As obras comezarán polo selado de rachaduras neste tramo da vía e, a partir do mércores, continuaranse os traballos co estendido dunha nova capa de rodadura no citado tramo do núcleo de Lobios.
Esta actuación sumase á realizada o ano pasado polo departamento de Infraestruturas da Xunta na OU-321, na travesía de Lobios.