publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta destaca a importancia de mellorar a cualificación dos galegos para favorecer o seu acceso ao mercado laboral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPorto do Son
A-
A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou esta mañá o obradoiro de emprego Tahume V promovido polos concellos de Ribeira e Porto do Son onde destacou a importancia de mellorar a cualificación dos galegos e galegas para favorecer o seu acceso ao mercado laboral e dar resposta, á vez, ás necesidades reais dos principais sectores produtivos da Comunidade.

Este obradoiro conta cun total de 20 alumnos que están recibindo formación específica de carpintería e moble, así como de actividades de conservación e mellora de montes, coa posibilidade de acceder a prácticas en empresas destas comarcas. Neste período de formación están realizando 42 actividades entre as que destacan actuacións sobre o mobiliario urbano de madeira e mellora de masas arbóreas e conservación en parques. Deste xeito, os participantes gañan en formación e experiencia para mellorar a súa empregabilidade. O conselleiro explicou que esta iniciativa impulsa o emprego nos concellos galegos, especialmente do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación.

Conde, ademais, puxo en valor o papel dos Concellos Emprendedores e a colaboración institucional para impulsar o emprego en Galicia e lembrou que, entre outras vantaxes, estes concellos, como é o caso tanto de Ribeira como de Porto do Son, teñen prioridade nas axudas autonómicas destinadas a fomentar postos de traballo de calidade.

Novas convocatorias de formación

Tal e como informou Conde, vén de abrir o prazo de solicitude de dúas convocatorias no eido da formación para beneficiar a 1500 persoas. Ata o 10 de xuño, está aberta unha nova edición dos obradoiros duais nos que se investirán 21 millóns para beneficiar a 1200 desempregados a través de 61 programas. Por segundo ano consecutivo ponse en marcha esta modalidade de obradoiros que, ademais dun contrato de formación e aprendizaxe de 9 meses, inclúe a posibilidade de que os desempregados poidan optar, tres meses máis a xornada completa como mínimo, a un contrato laboral nunha empresa do ámbito territorial no que se desenvolva o obradoiro e na mesma especialidade na que se cualificaron. Deste xeito, a Xunta incentivará, para aqueles concellos que o soliciten, a contratación nas empresas. Dentro dos obradoiros duais, ao igual que na edición pasada, tamén se primarán os forestais e os específicos para mellorar o Camiño de Santiago.

En todos os obradoiros duais terán preferencia os desempregados con especiais dificultades de inserción no mercado de traballo, como os emigrantes retornados, as mulleres, parados de longa duración, maiores de 45 anos, persoas que esgotaran as prestacións e subsidios por desemprego, persoas con capacidades diferentes e aqueles que carezan de títulos universitarios ou de FP de grao superior. Este ano, como colectivo preferente, inclúense tamén ás persoas beneficiarias do tramo de inserción da Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga).

Ata o 27 de maio está aberta a convocatoria para os obradoiros específicos para menores de 30 anos nos que se investirán 3,4 millóns para beneficiar a 300 mozos e mozas a través de 19 programas, que tamén combinan formación e o acceso a un posto de traballo durante 6 meses. Ao igual que os duais, os proxectos poden ser promovidos polos concellos, as mancomunidades de concellos e as entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello. Poderán ser beneficiarios desta modalidade de obradoiros os mozos e mozas menores de 30 anos inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil.

Plan galego de formación para desempregados

Por outra parte, tamén continúa aberto ata o 10 de xuño, o prazo para solicitar as axudas para a posta en marcha de cursos de formación para desempregados en centros homologados pola Administración. Dentro deste plan, destínanse 36 millóns de euros entre 2019 e 2020 ás persoas desempregadas, co obxectivo de beneficiar a 13.500 alumnos a través de 900 cursos.

13 de maio de 2019 | 16:27 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario