publicidade hoxe

A Xunta destaca a importancia da acuicultura sostible como elemento de desenvolvemento económico no Comité Europeo das Rexións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, presidiu hoxe en Bruxelas a sesión de traballo sobre acuicultura Retos e potencial da acuicultura de auga doce; un debate organizado pola comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións (CdR), no que se tratou a importancia da industria acuícola como medio de crecemento económico, de xeración de emprego e de resposta ás crecentes necesidades alimentarias dos Estados membros da Unión Europea.

Na súa intervención, Gamallo explicou o rol clave que xogan as administracións rexionais e locais europeas como entes responsables de xestionar os fondos económicos europeos (PAC, FEMP) destinados a desenvolver e aproveitar o potencial latente deste sector económico. O representante galego recordou como o Comité das Rexións vén defendendo nos últimos tempos a necesidade dunha complementariedade entre a pesca extractiva e a acuicultura, xunto ao desenvolvemento sostible desta industria desde o punto de vista do medio ambiente.

O director xeral de Relacións Exteriores definiu dous retos que debe afrontar hoxe en día a acuicultura da UE na modalidade de auga doce. Segundo Jesús Gamallo, cómpre mellorar a produción europea respecto ao sector global e facer un esforzo para aumentar a competitividade, a calidade e o valor engadido dos produtos acuícolas de orixe europeo a fin de reverter «o patente desequilibrio entre a produción acuícola asiática e a europea», sinalou. Para o líder galego, as importacións de pescado e marisco de Asia exercen unha presión cada vez maior, en termos de prezo e volume de produción, sobre os produtores acuícolas de Europa.

Pese á presente conxuntura da acuicultura na Unión, Gamallo puxo en valor o potencial de crecemento que presenta un sector que ocupa actualmente a cerca de 85.000 persoas na UE a través dunhas 14.000 empresas; remarcando a importancia da propia acuicultura na consecución dos obxectivos europeos e mundiais de produción de alimentos de cara aos próximos 30 anos. Nesta capacidade de crecemento europeo, Jesús Gamallo defendeu a gran aportación de Galicia en materia de produción acuícola, cun 20% do total de peixes e mariscos criados na Unión (con especial énfase na produción de mexillón) que sitúan á comunidade galega como un dos referentes mundiais da industria.

Seguimento do ditame de 2015

Co obxectivo de impulsar a acuicultura europea e facilitar a súa expansión mercantil, Jesús Gamallo enumerou algunhas das medidas aprobadas no ditame que liderou en 2015 no Comité Europeo das Rexións a este respecto. Entre as principais medidas de fomento á acuicultura, o líder galego destacou a simplificación dos procedementos administrativos e a maior seguridade xurídica para os inversores no acceso ao espazo, a necesidade de apostar pola innovación e a formación dos produtores para explotar todo o potencial da acuicultura, xunto á defensa das boas prácticas e a promoción dos mercados locais.

Para Gamallo, a implantación progresiva destas medidas motivaría un importante crecemento da acuicultura que sería moi beneficioso para as zonas rurais e estruturalmente máis débiles, ademais de xerar múltiples postos de traballo cualificado.

A Comisión NAT do Comité Europeo das Rexións

Neste mandato, Galicia participa tanto na Comisión de Recursos Naturais (NAT) coma na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións. A Comisión NAT do CdR ocúpase de temas como a política agrícola común (PAC), o desenvolvemento rural, a silvicultura, a produción alimenticia, a política pesqueira común (PPC) ou a política de asuntos marítimos, entre outras atribucións.

O Comité das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

22 de maio de 2019 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.