publicidade hoxe

A Xunta convoca axudas por valor de 170.000 euros para a edición de recursos didácticos curriculares en lingua galega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta de Galicia vén de convocar unha liña de axudas para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares e complementarios para niveis non universitarios. As subvencións, cun importe total de 170.000 euros, van dirixidas a empresas do sector editorial que dispoñan dun departamento de edición na Comunidade.

Segundo recolle a convocatoria publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, serán obxecto de axudas os recursos elaborados e editados en galego, tanto en soporte impreso como dixital. Ditos materiais deberán afondar nos bloques temáticos que conforman os currículos oficiais das ensinanzas non universitarias en Galicia.

Para optar a estas subvencións, os recursos elaborados deberán estar destinados á venda e realizados en galego, se ben tamén se admitirán proxectos trimestrais para o ensino primario nos que, cando menos, o 60% da proposta se realice na nosa lingua e se trate de materias impartidas obrigatoriamente no idioma propio. Ademais, os materiais editados en soporte impreso deberán ter unha tiraxe mínima de 1.000 exemplares e de 500 no caso dos publicados en soporte dixital ou audiovisual.

Criterios de concesión

Á hora de conceder as axudas, a Consellería de Cultura e Turismo valorará especialmente a adaptación dos materiais ao currículo oficial e a súa adecuación a diversidade de aptitudes e intereses do alumnado. Do mesmo xeito, priorizaranse os recursos que promovan a adquisición de competencias, a investigación, o traballo de grupo, a lectura comprensiva, a reflexión crítica ou a promoción de valores como a igualdade, a tolerancia ou a xustiza.

Outro dos aspectos que se terán en conta serán a adecuación á realidade cultural e social de Galicia así como a calidade lingüística e a orixinalidade das obras. Ademais, tal e como se veu realizando nas últimas convocatorias, os recursos dirixidos á Formación Profesional Específica e ao alumnado con necesidades específicas obterán un incremento do 20% sobre a puntuación global acadada noutros criterios.

O prazo para a presentación de solicitudes desta liña de axudas comezará mañá e rematará nun mes.

20 de maio de 2019 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.