publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta comeza as obras de construción da senda peonil e ciclista na estrada PO-308, entre Major e Portonovo, en Sanxenxo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraSanxenxo
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar hoxe a execución das obras de construción do itinerario peonil e ciclista na estrada PO-308, entre Major e Portonovo, en Sanxenxo.

Estes traballos, adxudicados á empresa Arias Infraestruturas S.A. por un importe de máis de 2,5 millóns de euros, teñen un prazo de execución duns 12 meses aproximadamente.

Tratase da construción dunha nova senda, que se estende ao longo de 5 km desta estrada autonómica, que vén dar continuidade ás xa en servizo no municipio de Sanxenxo, nos tramos existentes desde a praia da Lanzada ata Major.

Ademais, a Xunta aproveitará esta actuación para realizar intervencións complementarias que redunden en maior seguridade viaria, incluíndo a mellora nas principais interseccións de acceso ás praias neste treito Major-Portonovo, coa execución de novas glorietas e habilitando cambios de sentido.

Na intervención tamén se ampliarán as paradas de autobús, para que os vehículos non teñan que parar na estrada interferindo a circulación, e se instalarán sistemas de recollida de augas e canalizacións que permitan, nun futuro, a instalación de redes de telecomunicacións ou electricidade.

Este novo itinerario, xunto cos dous xa rematados, permitirá poñer á disposición dos veciños máis de 11 km de itinerarios seguros, sostibles e integrados na paisaxe nesta estrada que une Pontevedra e A Lanzada, ao seu paso polo Concello de Sanxenxo.

Co remate deste último tramo, o municipio de Sanxenxo contará cunha senda continua polo lado do mar, de preto de 8 km de lonxitude, desde A Lanzada ata Portonovo. E tamén das sendas pola marxe dereita da estrada á saída de Portonovo e no treito entre Major e A Lanzada, que suman máis de 3 km.

Estes itinerarios enmárcanse no Plan de Sendas de Galicia e están cofinanciadas con fondos europeos do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

20 de maio de 2019 | 16:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.