publicidade hoxe

A Xunta avanza na creación do Comité Camelia Galicia que regulará a Ruta da Camelia e produtos turísticos asociados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O Portal de Transparencia da Xunta de Galicia publica hoxe o proxecto de orde pola que se crea o Comité Camelia Galicia e se establece a ordenación da Ruta dos Xardíns da Camelia. A Consellería de Cultura e Turismo avanza así na tramitación desta normativa que permitirá crear un organismo regulador que dea maior protección xurídica a esta experiencia turística e os produtos asociados a ela.

Ao abeiro desta normativa regularase a Ruta da Camelia incluíndo, entre outras medidas, estandarizar os requisitos para acceder a entrar a formar parte deste itinerario definindo os períodos de apertura ao público, os criterios de ordenación, estética e paisaxística dos xardíns así como as cantidades cultivadas. Comprende, ademais, a información precisa sobre o procedemento para a incorporación á ruta así como a forma de presentación de solicitudes, comunicacións e documentación.

Esta regulación supón, ademais a creación do Comité Camelia Galicia, que a normativa define como o órgano colexiado de coordinación, apoio e comunicación da Ruta da Camelia. Entre os seus obxectivos está dar a coñecer a cultura asociada a este recurso, fomentar a integración deste itinerario con outras experiencias turísticas, impulsar o respecto e coidado á natureza entre as novas xeracións a través da Ruta da Camelia, fomentar o cultivo desta planta para obter té, aceite ou usala en cosmética e restauración, entre outros.

Composición aberta e especializada

Inclúe entre as súas funcións informar das solicitudes de incorporación dos xardíns, supervisar o mantemento das condicións ou requisitos necesarios para o acceso ou designar e crear os grupos de traballo precisos para asegurar o cumprimento das responsabilidades e obrigas do Comité. Estará integrado por membros da Consellería de Cultura e Turismo e abrirá a súa representación tamén a representantes de deputacións provinciais, a Asociación Española da Camelia, así como profesionais vinculados á arquitectura, ao sector turístico, produtivo ou da comunicación, entre outros.

A publicación no Portal de Transparencia da orde supón o comezo da tramitación desta normativa que regulará a Ruta da Camelia, o itinerario turístico impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo que, na actualidade, permite percorrer un total de 12 pazos e xardíns públicos e privados en Galicia. Actúa como fío condutor para descubrir, especialmente fóra de tempada alta, o patrimonio natural e a arquitectura dos pazos galegos, o patrimonio eclesiástico e monástico ou a riqueza da enogastronomía de costa e de interior.

7 de maio de 2019 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.