publicidade hoxe

A Policía Autonómica realiza 109 inspeccións para velar polo cumprimento da Lei de prevención de bebidas alcohólicas en menores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

Axentes do grupo de Menores da Policía Autonómica levaron a cabo un total de 109 inspeccións de control de venda e consumo de bebidas alcohólicas e tabaco en 17 concellos galegos entre o 29 de abril ao 5 de maio.

Por parte dos distintos Grupos de Menores da Policía Autonómica da Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo nesta pasada semana realizáronse 40 dispositivos de control de menores en risco de desamparo (absentismo escolar e consumo de alcohol/tabaco e drogas en menores de idade), nos concellos A Coruña, A Merca, Ames, Lugo, Marín, O Porriño, Oroso, Ourense, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Santiago de Compostela, Toen, Trabada e Vigo.

Como resultado do dispositivo levado a cabo, foron identificadas 45 persoas e inspeccionadas 109 zonas de ocio, locais e centros comerciais. Levantouse 13 actas de infracción: catro actas de infracción por venda de alcohol, unha por venda de tabaco e 8 actas de infracción por consumo.

A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a Comunidade Galega, para velar polo cumprimento da mesma e previr o consumo deste tipo de bebidas polos menores de idade.

Nestes dispositivos, ademais das denuncias pola infracción da Lei 11/2010, tamén se informa aos propietarios dos locais do seu contido, das actuacións que deben levar a cabo para o cumprimento da mesma e evitar o consumo de alcol entre os menores de idade, así como, que por parte da Policía Autonómica se continuará coas actividades necesarias para velar polo cumprimento da norma.

7 de maio de 2019 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.