publicidade hoxe

A nova Lei de ordenación farmacéutica recolle as novidades de regulación dos últimos 20 anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, presentou esta mañá no Parlamento o novo Proxecto de Lei Farmacéutica de Galicia. Trátase dun documento nacido co obxectivo de adaptarse aos numerosos cambios sociais ocorridos dende o ano 1999, data na que se aprobou a Lei vixente na actualidade. Segundo dixo Almuiña esta Lei, ademais ten un segundo obxectivo que non é outro que solucionar, de xeito, eficaz as necesidades e demandas actuais dos usuarios e profesionais das farmacias.

O conselleiro fixo na súa intervención un repaso polas principais novidades e puntos destacados na Lei. Así, e coa nova regulación, un farmacéutico só poderá ser titular ou propietario (ou cotitular ou copropietario) dunha única oficina de farmacia e esixirase a súa presencia física no seu establecemento de maneira oficial durante o horario de atención ao público.

Outro dos aspectos destacados, dixo Almuiña, é a modificación do cálculo de oficinas de farmacia necesarias por módulo de poboación. Deste xeito vaise garantir unha planificación farmacéutica máis axustada ás necesidades reais da poboación. Esta medida ven reforzada pola posibilidade de que no novo mapa farmacéutico estea prevista, para as novas farmacias, a instalación dunha botica anexa vinculada nunha zona de difícil acceso ou onde o peche dunha oficina de farmacia deixe sen atención unha área determinada. O titular de Sanidade tamén fixo mención a que, por primeira vez, contémplase á atención farmacéutica domiciliaria en supostos moi excepcionais (algúns casos de persoas dependentes ou en zonas illadas que cumpran unhas determinadas condicións).

O conselleiro remarcou que esta nova Lei establece procedementos de adxudicación de novas oficinas de farmacia mais áxiles e rápidos. Introdúcese así, como novidade, a convocatoria dun concurso previo de traslados ao que poderán concorrer os farmacéuticos titulares ou cotitulares dunha oficina de farmacia establecida en Galicia. Posteriormente convocarase outro concurso de traslados para a provisión das oficinas vacantes tantos as novas recollidas no mapa farmacéutico non cubertas como as que quedaran libres por traslado do titular. Este segundo concurso estaría aberto a todos os farmacéuticos, sempre que non tiveran transmitido unha farmacia propia nos 10 anos anteriores. Outras novidades son que a administración poderá solicitar un aval ao adxudicatarios das farmacias e que se eleva de 3 a 15 anos o período de tempo mínimo para poder transmitir unha farmacia tras obtela en concurso público

Tamén subliñou Almuiña un cambio referido á titularidade das farmacias, xa que ata o de agora, o farmacéutico titular perdía a autorización administrativa para rexentar a farmacia ao cumprir os 70 anos, salvo que nomeara un farmacéutico rexente nos casos de xubilación. Coa nova lei, bastará con que contrate farmacéuticos adxuntos adicionais.

Limitacións ás oficinas de farmacia

Dentro desta nova Lei de Ordenación Farmacéutica de Galicia, establécense unha serie de limitacións no caso de que as oficinas de farmacia leven a cabo outras actividades distintas ás de dispensación de medicamentos e produtos sanitarios. Así estará prohibido desenvolver actividades de venda de produtos distintos dos propios do canal farmacéutico e o desenvolvemento na oficina de farmacia de actividades comerciais por sociedades mercantís ou outras entidades con personalidade xurídica diferenciada da dos farmacéuticos titulares.

O conselleiro tamén aludiu á prohibición de arrendamento, subarrendamento ou cesión dos locais da oficina de farmacia e a necesidade de que o titular, ou polo menos un dos titulares, posúa a titulación concreta no caso de desenvolvemento de actividades de óptica, análises clínicas, ortopedia, audioprótese, nutrición ou calquera outra actividade sanitaria expresamente autorizada. A lei tamén recolle expresamente a prohibición de toda forma de publicidade ou actividade promocional das oficinas de farmacia, agás nos casos que se determinen.

Almuiña non quixo pechar a súa intervención sen remarcar que esta nova Lei naceu do consenso e que contou coa colaboración e as achegas do Colexios profesionais de farmacéuticos de Galicia.

7 de maio de 2019 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.