publicidade hoxe

Sanidade ofrece diálogo ao comité de folga a través do Consello Técnico de Atención Primaria no que estarán representados sociedades científicas, asociacións profesionais e sindicatos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

Representantes de Sanidade ofreceron esta mañá ao Comité de Folga canalizar as súas reivindicacións de carácter organizativo e asistencial a través do Consello Técnico de Atención Primaria, no que estarán representados sociedades científicas, asociacións profesionais e sindicatos. Ademáis, propuxo ao comité a apertura na mesa sectorial de sanidade dun diálogo sobre atención primaria para abordar as reivindicacións laborais presentadas.

Co acordo acadado hoxe as organizacións desconvocan a folga que estaba fixada para os días 9, 10 e 11 de abril. Co devandito acordo, culmínase un proceso de diálogo pola mellora da atención primaria promovido pola Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde e no que participaron máis de cen profesionais en máis de 50 reunións de traballo. Neste senso, Sanidade lembra o documento asinado co Consello Galego de Médicos e as Sociedades Científicas de Atención Primaria SEMERGEN Galicia, SEMG Galicia e AGAMFEC, no que se recollen medidas concretadas co orzamento necesario para podelas facer efectivas detallando, entre outras, as dedicadas a incremento de persoal de todas as categorías, equipamento e novas infraestruturas.

Neste senso, Sanidade continúa apostando polo diálogo e o consenso ao obxecto de, entre todos, mellorar a atención primaria tal e como se ratifica no novo plan de atención primaria con case 200 propostas realizadas.

No documento de propostas para o Novo Modelo de Atención Primaria en Galicia xa está incluído o compromiso de manter un orzamento específico para o programa de gasto atención primaria de saúde, diferenciado dentro da clasificación funcional do Organismo. En dito programa imputarase o gasto correspondente a aquelas actividades asistenciais e de xestión dos centros de atención primaria do Servizo Galego de Saúde para dar resposta ás necesidades dos cidadáns.

Outra das medidas que xa ten tamén prevista Sanidade é a substitucións das actuais estruturas organizativas de xestión integrada (EOXI) polas áreas sanitarias. Estas áreas están concebidas como estruturas organizativas que asumirán con autonomía funcional a xestión dos recursos sanitarios, prestación e programas de atención sanitaria, así como a coordinación sociosanitaria e a promoción e protección da saúde da súa poboación de referencia.

8 de abril de 2019 | 16:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.