publicidade hoxe

O Sergas amplía en 60 o número de prazas convocadas no proceso selectivo para o acceso á categoría de persoal de servizos xerais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, unha resolución pola que se amplía en 60 o número de prazas ofertadas no concurso-oposición da categoría de persoal de servizos xerais, que se suman ás 66 convocadas por Resolución do 1 de marzo de 2019, da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas.

Con esta ampliación, son un total de 126 prazas as convocadas nesta categoría, das cales 56 corresponden á quenda de acceso libre, 63 á quenda de promoción interna e 7 á quenda de discapacidade xeral.

As 9 prazas reservadas no decreto de oferta de emprego do ano 2018 para o seu acceso pola quenda de discapacidade intelectual serán obxecto de convocatoria diferenciada.

O prazo de presentación de solicitudes finalizará o vindeiro 30 de abril. Na páxina web do Servizo Galego de Saúde, dentro do apartado de emprego público, recóllese a información para a inscrición neste proceso selectivo.

Reforzo do compromiso de mellora da atención primaria

Con esta oferta de 126 prazas para a categoría de persoal de servizos xerais preténdese reforzar e estabilizar ao persoal administrativo que presta servizos na atención primaria de Galicia. Esta convocatoria irá seguida doutros procesos selectivos nas categorías de médico de familia, pediatra e odontólogo, que está previsto negociar e publicar proximamente e que suporán un importante incremento dos efectivos que prestan servizos no ámbito da atención primaria, definido como un obxectivo prioritario de mellora deste nivel asistencial.

8 de abril de 2019 | 16:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.