publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O DOG publica a Oferta de Emprego Público da Administración Xeral para 2019 con 1.543 prazas de acceso libre

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a Oferta de Emprego Público (OEP) da Administración Xeral da Xunta para o ano 2019, que esgota a taxa de reposición marcada polo Estado e inclúe un total de 1.543 prazas de acceso libre.

A OEP da Administración Xeral súmase ás ofertas de emprego nos eidos sanitario e educativo xa publicadas no DOG, polo que a Xunta de Galicia oferta este ano un total de 6.004 prazas. O maior número de prazas de acceso libre concéntrase no eido social, con prazas nas categorías de auxiliar coidador (323), limpador-fregador (181), camareiro-limpador (151), na categoría de oficial 2ª cociña (97) e, dentro da escala de axentes técnicos facultativos de servizos sociais, 63 prazas na especialidade de xardín de infancia.

Ademais, no ámbito do persoal das consellerías ofértanse prazas no corpo superior A1 (59); no corpo de xestión A2 (35); no corpo administrativo C1 (60); no corpo auxiliar C2 (127) e na agrupación de persoal subalterno, con 112 prazas. Tamén se inclúen prazas de persoal especializado, como as 33 prazas en especialidades da escala de enxeñaría técnica, as 22 prazas en especialidades da escala de enxeñaría ou as 12 prazas na escala de veterinaria.

A todas estas prazas poderá acceder calquera persoa que cumpra os requisitos esixidos nas correspondentes convocatorias, e as probas desenvolveranse a través do sistema de concurso-oposición, garantindo a aplicación dos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, e respectando a libre concorrencia. A reserva de prazas para persoas que acrediten discapacidade nesta oferta de emprego acada o 10,3% nas prazas de acceso libre, e unha parte delas será para o acceso de persoas con discapacidade intelectual.

Ás prazas de acceso libre súmanse outras 227 prazas para a promoción interna de persoal funcionario, uns procesos reservados a empregados públicos que xa son funcionarios e que poden acadar un ascenso a postos de traballo de maior responsabilidade e retribución. Finalmente, o decreto inclúe outras 847 prazas para o proceso de funcionarización voluntaria do persoal laboral fixo, un proceso xa previsto na Lei de Emprego Público de 2015 e tamén no Estatuto Básico do Empregado Público.

5 de abril de 2019 | 12:18 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario