publicidade hoxe

Medio Ambiente tramita un proxecto singular no polígono de Mos que prevé mobilizar 8 millóns e crear 42 empregos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMos
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda está a tramitar un proxecto singular promovido pola Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS) no parque da Veigadaña (Mos) e que suporía un investimento directo duns oito millóns de euros por parte das empresas implicadas, que gardan relación, fundamentalmente, co sector do automóbil.

Así o avanzou durante unha visita á sede de AEMOS para coñecer os detalles da iniciativa a conselleira Ángeles Vázquez, quen subliñou a importancia e o impacto positivo que terá un proxecto destas dimensións para o Concello de Mos. Así, indicou que suporá un investimento directo de oito millóns de euros por parte das nove empresas que, nestes momentos, forman parte dunha operación que tamén prevé a creación de 42 novos postos de traballo e a consolidación de preto de 300 empregos directos na zona.

Para atender a solicitude de AEMOS, que xa presentou ante a Xunta de Galicia este proxecto singular a desenvolver na Veigadaña, Vázquez Mejuto explicou que nestes momentos xa se dispón no parque empresarial de 18 parcelas reservadas, cunha extensión total duns 24.000 metros cadrados e superficies de entre 1.245 e 1.985 metros.

O seguinte paso para continuar coa tramitación é que AEMOS presente a documentación oportuna para poder formalizar e darlle o pulo definitivo á operación, algo que ocorrerá, previsiblemente, antes de que remate o verán e que permitirá proceder á declaración do proxecto empresarial singular en A Veigadaña por parte da Xunta de Galicia.

Se a iniciativa sae adiante, a conselleira subliñou a importancia que terá para o Concello de Mos e a súa contorna, dada a situación estratéxica do parque respecto da área de influencia de Vigo. Neste sentido, lembrou os incentivos que ofrece o seu departamento a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo e de Xestur para facilitar a implantación de novas empresas ou a ampliación das xa existentes nas áreas empresarias da comunidade.

Así, Ángeles Vázquez explicou que, no caso concreto da Veigadaña, existe unha bonificación do 30% sobre o prezo de compra das parcelas dispoñibles no parque á que poderán acollerse as empresas promotoras deste proxecto singular, ou se o prefiren, tamén poderán acceder a este solo empresarial pola vía da adxudicación en dereito de superficie, a cambio do pago dun canon anual simbólico.

Solo dispoñible no parque

A este respecto e máis alá da iniciativa que centrou a xuntanza cos representantes de AEMOS, a conselleira de Medio Ambiente explicou que das 83 parcelas coas que conta o parque da Veigadaña e que suman en total preto de 393.000 metros cadrados, só quedarían dispoñibles para a venta 10. Por iso, animou aos empresarios interesados a informarse sobre as distintas opcións e facilidades que pon a Xunta á súa disposición para que poidan acceder en condicións vantaxosas a este solo empresarial.

Cómpre lembrar, neste sentido, que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda dispón nestes momentos de máis de 1,25 millóns de metros cadrados de solo dispoñibles para a venta en polígonos empresariais de toda Galicia, suxeitos a bonificacións do 30 ou do 50%, dependendo do concello no que estean localizados.

Estes incentivos económicos concédense con continuidade desde o ano 2015 para reactivar os parques existentes e reforzar deste xeito a economía a través do impulso á actividade empresarial e a creación de emprego. En total, no período 2015-2018 a Xunta bonificou a compra de 1,3 millóns de metros cadrados de solo empresarial, e desde ao ano 2016 adxudicáronse a maiores preto de 150.000 metros cadrados máis na modalidade de dereito de superficie.

8 de abril de 2019 | 16:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.