publicidade hoxe

Medio Ambiente lanza un concurso de debuxo para concienciar aos escolares galegos sobre a reciclaxe dos aparellos electrónicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de convocar un concurso de debuxo infantil dirixido a escolares de centros de infantil e primaria de toda Galicia para incidir na importancia de realizar unha correcta reciclaxe dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE) tanto para garantir a saúde do planeta como pola nosa propia saúde.

A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira Costa, presentou hoxe este novo certame de debuxo na Escola de Educación Infantil Capela Carreira, no concello coruñés de Ribeira, un dos centros educativos que participa na campaña de sensibilización ambiental impulsada pola Consellería de Medio Ambiente en colaboración cos personaxes de Os Bolechas, a popular colección de libros infantís.

Segundo explicou Ferreira Costa, o concurso de debuxo RAEE-Bolechas está aberto á participación de todo o alumnado de infantil e primaria da comunidade e o seu obxectivo final é contribuír a concienciar ás novas xeracións sobre a importancia de realizar unha correcta reciclaxe dos residuos derivados deste tipo de aparellos, tanto para garantir a boa saúde do planeta como a das persoas. Neste sentido, a finalidade da actividade promovida desde a Consellería de Medio Ambiente é subliñar o papel que xoga tamén o entorno escolar e os valores que se lles transmitan a través do colexio aos nenos á hora de que interioricen determinados hábitos e costumes.

Para plasmar a súa creatividade e poder participar, os rapaces interesados terán de prazo para facer os seus debuxos desde o 6 de maio ata o día 31 do mesmo mes. Haberá dúas modalidades para concursar: de forma colectiva desde o colexio ou de maneira individual desde a casa. Así, cada profesor poderá inscribir á súa aula no certame a través da web oficial da campaña, e sete días despois un mensaxeiro pasará polo centro para recoller o debuxo feito entre todos os alumnos da clase. A outra opción será que o pai, nai ou titor legal do neno interesado en participar complete a súa inscrición na modalidade individual desde a mesma páxina web, podendo remitir a súa obra vía email ou por correo postal.

Os gañadores en cada unha das dúas modalidades serán escollidos a través dun sorteo ante notario. Así, no caso do alumnado que participe de forma colectiva, a aula que resulte gañadora levará un premio de 3.000 euros que terá que destinar a actividades educativas (viaxes culturais e similares) mentres que entre o resto de aulas inscritas sortearanse 10 portátiles e 20 bibliotecas completas de Os Bolechas. Polo que respecta ao alumnado que participe na modalidade individual, sortearanse outras 20 bibliotecas de Os Bolechas.

Todos os galardoados recibirán os seus premios da man dos populares personaxes de debuxos nunha cerimonia pública prevista para o vindeiro 7 de xuño e que se celebrará no colexio ao que pertenza a aula gañadora do premio económico.

Campaña de sensibilización

O pasado mes de decembro a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda puxo en marcha unha campaña de sensibilización para fomentar a reciclaxe dos RAEE entre os escolares galegos da man de Os Bolechas. Con este fin, os populares personaxes infantís convertéronse nos Electrecos, superheroes da reciclaxe que dunha maneira amena e didáctica percorren os colexios galegos trasladándolles aos cativos pautas e coñecementos para o correcto tratamento destes residuos e recrutando novos aliados para o seu obxectivo.

Con esta iniciativa percorreranse en total 350 centros educativos de toda Galicia co fin de acadar que as novas xeracións de galegos sexan conscientes da importancia da reciclaxe dos residuos e, concretamente, daqueles derivados dos aparellos eléctricos e electrónicos que desbotamos porque non funcionan ou quedan obsoletos.

Precisamente, a EEI Capela Carreira na que se presentou o concurso de debuxo RAEE-Bolechas recibiu hoxe a visita dos Electrecos, que a través de xogos e de material específico adaptado á idade do alumnado, trasladáronlle aos nenos un decálogo con comportamentos e actitudes colectivas e individuais que deben poñer en práctica tanto no seu centro como nos seus fogares.

8 de abril de 2019 | 16:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.