publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Galicia mostra a súa experiencia e labor no seguimento das toxinas mariñas nun taller rexional do proxecto Alertox-Net

O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), dependente da Consellería do Mar, expuxo hoxe o seu traballo de seguimento das toxinas mariñas en augas galegas para velar pola seguridade do consumidor nun taller rexional que organizou no marco do proxecto europeo Alertox-Net, de estudo das toxinas mariñas emerxentes derivadas do cambio climático. Neste encontro, dirixido ao sector produtor, ás administracións e aos centros académicos e investigadores, un técnico do centro detallou os numerosos controis que se realizan en Galicia neste eido para dar todas as garantías na comercialización de produtos marisqueiros e acuícolas como o mexillón.

A directora do Intecmar, Covadonga Salgado, foi a encargada de abrir este taller rexional, no que o investigador do instituto autonómico explicou a importancia que teñen o sector marisqueiro e bateeiro na economía galega e a transcendencia de dar as máximas garantías aos consumidores que adquiren os seus produtos.

Neste sentido, incidiu nos numerosos controis que se realizan en toda a costa galega, con máis de 200 puntos e áreas de toma de mostras e información actualizada a diario do estado das zonas de produción. Un traballo ao que se suma a constante actualización e mellora dos procedementos para estar á vangarda no seguimento dos episodios tóxicos.

En relación co proxecto Alertox-Net, explicou os tipos de toxinas emerxentes que se analizan e os métodos de estudo. De feito, sinalou que se fan análises conxuntas tanto das toxinas emerxentes como das reguladas no marco do plan de seguimento das zonas de produción.

O principal obxectivo desta investigación europea, na que participan 11 entidades de cinco países do arco atlántico (España, Portugal, Francia, Irlanda e Reino Unido) é desenvolver unha rede de alerta de toxinas mariñas emerxentes que se poida implementar na cadea de valor alimentaria, de xeito que aumente a seguridade do consumidor. Tamén busca establecer un posible indicador dos riscos relacionados co cambio climático.

No taller, profesionais de distintos centros investigadores de Galicia e Portugal explicaron o seu labor para controlar e actuar ante a presenza de toxinas mariñas analizando aspectos como o impacto do cambio climático nas costas galegas, os avances na análise e eliminación de toxinas, a avaliación das toxinas emerxentes, a vixilancia dos seus efectos na poboación galega ou cal é a súa incidencia nas costas de Portugal.

O papel do Intecmar no proxecto Alertox-Net céntrase en aspectos como a participación no desenvolvemento de métodos analíticos para realizar o seguimento das toxinas emerxentes, o estudo da súa evolución e o intercambio de mostras co resto dos integrantes do proxecto.

O consorcio internacional do proxecto Alertox-Net está liderado polo grupo de investigación Farmatox da Facultade de Ciencias Veterinarias da Universidade de Santiago de Compostela, do Campus de Lugo. Outros centros que forman parte del, ademais do Intecmar, son o Instituto Mariño de Galway, a Universidade Nacional de Irlanda, en Galway, a Universidade de Queens, de Belfast, o Cefas do Reino Unido, o Centro de Enerxía Atómica de París, o Ifremer de Nantes, o Ciimar da Universidade de Porto e a Fundación AZTI de Bilbao.

3 de abril de 2019 | 17:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.