publicidade hoxe

Feijóo ve no interior de Galicia máis fortalezas que debilidades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurensePortada esquerda
A-
A+
Intervención do presidente galego

Intervención do presidente galego

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe ver no interior de Galicia máis fortalezas que debilidades e insistiu en que xa é hora dun modelo de financiamento autonómico que priorice realmente o problema demográfico, “porque non é o mesmo —aseverou— prestar servizos públicos en aldeas dispersas e pouco poboadas que en cidades. Pero si debe ser o mesmo para o cidadán que os percibe”.

Feijóo fixo esta afirmación desde a dobre lexitimidade que ten Galicia, que conta, en primeiro lugar, co respaldo de ser unha autonomía responsable, que cumpre coas obrigas; e, en segundo lugar, que ano a ano implícase a través do seu orzamento para buscar o reequilibrio territorial. Unha decisión, matizou, que non é exclusivamente gobernamental, senón que conta cun respaldo social para tentar lograr a cohesión do noso país, “porque é esa aposta colectiva a que nos pode permitir romper o círculo vicioso de menos xente-menos oportunidades e transformalo nun círculo virtuoso de máis oportunidades-máis xente”, dixo.

Neste sentido, remarcou a importancia de dar respostas sociais e traballar de forma intensa para que os servizos públicos estean á vangarda. E, avogou por non esquecer as oportunidades que se atopan en sectores como o vitivinícola, o agroalimentario, o forestal, o aeronáutico ou o turístico, convidando a todos os emprendedores a que sigan mirando ao rural, non como un vestixio, senón como unha porta ao futuro.

Se ben valorou o avance que supón que xa ninguén cuestione que a demografía é un asunto de país, e mesmo de continente, que esixe a implicación de todos, Feijóo incidiu na importancia de trasladar a todas as familias que queiran ter fillos que van contar cos máximos apoios; é dicir, non resignarse a ser un referente do problema e dar pasos importantes para ser tamén un referente dos posibles remedios.

“É un avance que xa ninguén cuestione que a demografía é un asunto de país. E tamén que todos entendamos que, detrás da realidade demográfica, hai algo máis fondo que dificultades económicas: unha nova socioloxía que ve difícil conxugar os novos modos de vida e de traballo coa decisión de ter fillos”, explicou.

Nesta liña, recoñeceu, a través de numerosos exemplos, que o pobo galego avanzou no compromiso co impulso demográfico. E aproveitou a oportunidade do Foro La Región para trasladar a convicción de que non se pode desligar o impulso á natalidade da necesidade de avanzar cara a horarios máis racionais. “Mellores horarios nas empresas, máis flexibilidade laboral, recursos de conciliación; son conceptos que nada teñen que ver con medidas ideolóxicas como se pensaba hai non tanto tempo. Estamos a falar da nosa propia supervivencia como país e xa imos tarde. Afecta a todos e en consecuencia require de todos”, abundou, facendo fincapé en que quen queira realmente reverter a España baleira debe enchela de recursos e de oportunidades.

Así mesmo, referiuse ás oportunidades históricas que os galegos debemos aproveitar como son a chegada do AVE ou a celebración do Xacobeo 2021. “Aspiro a que entre todos sexamos capaces de aproveitar todo o potencial e facer de Galicia unha terra máis forte, máis competitiva e máis igualitaria”, aseverou, insistindo en que a comunidade é máis forte se cada un dos seus concellos, das súas comarcas e das súas provincias planifican e non esquecen que teñen un papel que xogar en Galicia.

Logo de expresar o seu convencemento de que nin o futuro de Ourense, nin o de Galicia, nin o de España se vai conquistar con xeneralidades pasaxeiras nin aventuras extravagantes, o titular da Xunta concluíu a súa intervención recordando a José Luís Outeiriño e a José Manuel Pérez Canal, “exemplos que desmenten o mito de que Ourense ten un futuro escrito, no que —xunto coa outra provincia do interior— lle correspondería unha dependencia servil das provincias atlánticas”, afirmou.

3 de abril de 2019 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.