publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Ethel Vázquez insta ao Ministerio de Fomento a presentar con urxencia ante a Comisión Europea o proxecto para impulsar a saída sur de Vigo co fin de incrementar a competitividade desta área

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada esquerdaVigo
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López Chaves, e o presidente da Autoridade Portuaria, Enrique López Veiga, mantiveron hoxe unha xuntanza na que reiteraron a necesidade de que o Ministerio de Fomento presente con urxencia, ante a Comisión Europea, o proxecto para impulsar a Saída Sur co fin de que a inclusión do Noroeste no Corredor Atlántico de Mercadorías se traduza na mellora da competitividade desta área.

Vázquez Mourelle precisou que “non se pode concibir un porto de futuro sen unha verdadeira conexión ferroviaria de futuro, polo que cómpre aproveitar as oportunidades que se abren coa inclusión do noroeste peninsular no Corredor Atlántico”. Puxo en valor a importancia estratéxica do porto de Vigo, como gran centro económico, comercial e industrial que xera emprego e riqueza.

Sinalou que “é necesario que o Ministerio de Fomento estea preparado para a convocatoria de fondos do mecanismo ‘Conectar Europa’ do ano 2021, para as obras da conexión da terminal de Bouzas e a saída sur e traballar para lograr que Vigo sexa Porto Nodal”.

Destacou que resulta clave impulsar unha conexión ferroviaria axeitada do Porto de Vigo con Portugal e o resto e Europa. Aclarou que se trata de dúas actuacións: o ramal en túnel baixo a cidade que conectará a terminal marítima de Bouzas coa rede ferroviaria en Urzáiz; e a saída sur, que aforrará tempo e distancia nas conexións con Ourense e Portugal e mellorará a seguridade ao solucionar os pasos a nivel.

Para acadar estas dúas actuacións estratéxicas, a conselleira reiterou que o Ministerio de Fomento ten que elaborar un plan director completo e redactar os proxectos de calidade que permitan acceder aos fondos europeos necesarios para mellorar e modernizar a rede de ferrocarril de mercadorías.

Lembrou que o plan que o Ministerio presentou en febreiro ten omisións como esta saída sur de Vigo, que é prioritaria, igual que todos aqueles proxectos ferroviarios que conecten os portos galegos, en especial o de Vigo, como referencia do noroeste español.

A conselleira abordou a semana pasada estes proxectos con representantes da Comisión Europea, constatándose unha receptividade total na necesidade de que a inclusión do noroeste no Corredor Atlántico se traduza nunha rede ferroviaria de mercadorías competitiva que faga de Galicia un territorio punteiro no eido do transporte e da loxística.

15 de abril de 2019 | 14:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.