publicidade hoxe

Educación abre a convocatoria para a incorporación de novos centros plurilingües no curso 2019/20

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A partir de mañá día 11, e ata o 30 de abril, os centros escolares teñen prazo para solicitar a súa incorporación no curso 2019-20 ao proxecto plurilingüe impulsado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional ao abeiro da Estratexia galega de Linguas Estranxeiras Edulingüe 2020, co fin de estender e reforzar o coñecemento de idiomas en todas as etapas educativas.

O DOG publica hoxe as tres convocatorias para a ampliación do ensino plurilingüe para o vindeiro curso escolar tanto nas etapas de Primaria e Secundaria, como nas de Infantil (Plurinfantil) e Bacharelato (Pluribach).

Etapas de Primaria e Secundaria

Os centros escolares que opten a formar parte da Rede de Centros Plurilingües nas etapas de Primaria e Secundaria deberán presentar un programa plurilingüe para o primeiro curso da etapa así como unha planificación para os seguintes anos académicos. Cómpre lembrar que a implantación do plurilingüismo nestas etapas esixe dunha continuidade progresiva, isto é que se un centro opta por implantar o programa en 1º de Primaria no curso 2019-2020, no seguinte ten que asegurar a extensión dese proxecto a 2º de Primaria e así sucesivamente ata completar a etapa.

Na mencionada planificación deberá constar a lingua estranxeira escollida, así como a relación de áreas ou materias que se impartirán en dita lingua, e a relación de profesorado encargado da docencia xunto coa acreditación da competencia lingüística para facelo, entre outros factores.

Plurilingüismo en Bacharelato

O Pluribach ten como finalidade promover no alumnado unha preparación máis completa e especializada no idioma obxecto do programa, así como un achegamento máis específico ás diferentes materias que compoñen o currículo.

Deste xeito, o alumnado cursará materias curriculares, ata 1/3 do seu horario, no idioma estranxeiro, así como unha materia extracurricular, en 1º e 2º curso, cunha carga horaria lectiva semanal de dúas ou tres horas. O horario, en lugar de 32 períodos lectivos, pasa a ser de 34 ou 35. Ademais, contará con actividades complementarias de formación organizadas polo centro, como charlas, obradoiros ou proxectos cunha duración estipulada, ao longo dos dous cursos, de 40 horas. Así mesmo os centros educativos contarán con auxiliares de conversa para levar a cabo o programa. O obxectivo é que os mozos e mozas dispoñan de formación específica para poder chegar a certificar o nivel B2 ao remate da etapa, ben a través das Escolas Oficiais de Idiomas ou das entidades certificadoras acreditadas.

En canto ao profesorado que imparta áreas ou materias non lingüísticas en lingua estranxeira, deberá ser especialista da materia que vaia impartir en lingua estranxeira, ou estar en posesión da habilitación correspondente. Ademais, deberá acreditar, cando menos, un nivel B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL).

Plurilingüismo en Educación Infantil

No que atinxe á implantanción do modelo plurilingüe no segundo ciclo de educación Infantil, o alumnado cursará áreas curriculares, ata 1/3 do seu horario, no idioma estranxeiro, cun enfoque lúdico e partindo do traballo en grupo. Os centros que se incorporen a este programa disporán do apoio de auxiliares de conversa. O profesorado que imparta as áreas non lingüísticas en lingua estranxeira debe ter como mínimo o nivel B2 ou equivalente nesta lingua.

Todo o profesorado implicado nestes programas contará con plans específicos de formación no centro.

10 de abril de 2019 | 16:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.