publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Convócase a sétima edición do circuíto Cultura no Camiño para os concellos das 10 rutas xacobeas

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Sen categorizar ▼
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria da sétima edición do circuíto Cultura no Camiño, dirixida a todos os concellos polos que discorren as diferentes rutas xacobeas en Galicia. A Consellería de Cultura e Turismo xestiona esta programación de artes escénicas e de música, para a que conta coa colaboración dos municipios adheridos e co patrocinio de Gadis.

Como novidade en 2019, o apoio económico á contratación das actuacións artísticas no marco desta iniciativa regúlase mediante a concesión de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva, para as que se reserva un orzamento de 324.000 euros, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e de Turismo de Galicia. O prazo de solicitude para os concellos interesados en participar na convocatoria deste ano abrirase desde mañá ata o vindeiro 24 de maio na sede electrónica da Xunta.

Segundo as bases, este circuíto mantén como obxectivo desde as súas orixes contribuír á dinamización cultural das localidades do Camiño de Santiago nos meses de maior afluencia de peregrinos e visitantes, fixando como período de desenvolvemento da programación do 1 de maio ao 30 de setembro. “Deste xeito, dáselle resposta á demanda cultural dun público diverso –os propios cidadáns, así como visitantes e peregrinos–, que poderá gozar de concertos e de montaxes de moi variados xéneros e formatos, ao tempo que se contribúe á dinamización da contratación dos espectáculos producidos de xeito profesional en Galicia”, especifica a resolución publicada hoxe no DOG.

Nela establécese, ademais, que o financiamento das actuacións de teatro, danza, música, novo circo ou maxia contratadas ao abeiro de Cultura no Camiño asumirase de xeito compartido entre a Administración autonómica e as locais, en diferentes porcentaxes de acordo co número de habitantes de cada localidade: a subvención será dun máximo de 3.500 euros para os concellos de máis de 20.000 habitantes e de ata 2.500 euros para os que teñan unha poboación menor.

Poderán solicitar estas axudas todos os concellos situados nalgunhas das rutas xacobeas recoñecidas oficialmente: Camiño Francés, de Fisterra e Muxía, Vía da Prata, Inglés, Primitivo, do Norte, de Inverno, Portugués, Portugués da Costa e Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla.

En paralelo, a Agadic mantén aberta ata o 26 de abril a convocatoria de inscrición de propostas artísticas para aquelas formacións galegas de carácter profesional (compañías escénicas ou grupos de música) que queiran formar parte do catálogo a partir do que os programadores dos concellos inscritos deseñarán as súas carteleiras dentro de Cultura no Camiño. Neste caso, o trámite debe realizarse a través do web www.galescena.gal.

24 de abril de 2019 | 18:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.