publicidade hoxe

Ábrese o prazo para que os concellos soliciten axudas da Xunta para poñer en marcha Unidades de Atención Temperá

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Xunta abre a partir de mañá e durante un mes o prazo para que os concellos, ben de maneira individual ou compartida mediante a fórmula de agrupacións, mancomunidades ou consorcios, presenten solicitudes á nova convocatoria de axudas para o mantemento e posta en marcha de Unidades de Atención Temperá. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe os requisitos para beneficiarse destas achegas económicas, que contan co financiamento do programa operativo FSE-Galicia 2014-2020.

O crédito inicial desta convocatoria ascende a 1,6 millóns de euros, o que supón un incremento do 17,6% con respecto á do ano pasado. O obxectivo é tanto consolidar as unidades de atención temperá xa existentes como implantar outras novas. Estes servizos son fundamentais para identificar e actuar sobre os trastornos que poidan sufrir no seu desenvolvemento nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade.

Este reforzo orzamentario permitirá consolidar as 16 unidades de atención temperá que hoxe en día están en funcionamento e que atenderon o ano pasado a máis de 770 nenas e nenos, así como financiar que as entidades locais poñan en marcha un mínimo de 5 novas unidades.

Ademais, a convocatoria volve fomentar, ao igual que en anteriores edicións, a xestión compartida destas unidades por parte de agrupacións de concellos, mancomunidades e consorcios. Trátase de incrementar a eficacia e eficiencia na prestación do servizo e impulsar que este se leve a cabo no ámbito municipal, o máis próximo á veciñanza e o que mellor coñece a situación específica da poboación local.

Máis prevención e autonomía

A Xunta segue a apostar por este modelo baseado na prevención, a identificación e o tratamento precoz para dar respostas ás necesidades específicas que poidan presentar os menores de 0 a 6 anos. A atención temperá facilítalles ferramentas para gañar autonomía xa desde a infancia para que gocen dunha maior calidade de vida cando sexan maiores. Así mesmo, ao actuar antes hai máis opcións de evitar que os trastornos no desenvolvemento perduren no tempo e sexa máis difícil corrixilos.

A Rede Galega de Atención Temperá, que regula a atención integral en atención temperá dos órganos da Administración xeral da comunidade, dispón de recursos nos ámbitos sanitario, educativo e dos servizos sociais.

Nos dez últimos anos, a Rede Galega de Atención Temperá multiplicou por seis a súa extensión, ao pasar de cubrir 15 concellos en 2009 a atender 92 na actualidade. A maiores destas unidades promovidas a través desta liña de axudas, a Consellería de Política Social subvenciona o funcionamento doutras tres unidades que xestiona a través da Asociación Galega de Atención Temperá (Agat), nas comarcas do Deza, Salnés e Bergantiños.

10 de abril de 2019 | 16:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.