publicidade hoxe

A Xunta solicitará na Comisión Europea fondos comunitarios para financiar o acceso ferroviario a Langosteira co fin de completar a operatividade do Porto Exterior

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Ethel Vázquez na reunión co presidente da Autoridade Portuaria

Ethel Vázquez na reunión co presidente da Autoridade Portuaria

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, mantivo un encontro de traballo co presidente da Autoridade Portuaria, Enrique Losada, na que avanzou que a vindeira semana solicitará na Comisión Europea os fondos necesarios para o acceso ferroviario a Langosteira co fin de completar a operatividade do Porto Exterior.

Vázquez Mourelle apremiou ao Goberno central para que asegure o financiamento e axilice a licitación desta actuación estratéxica, xa que este porto é un gran centro loxístico, económico e empresarial que non se pode concibir sen ferrocarril.

A Xunta e a Autoridade Portuaria coincidiron hoxe na preocupación ante a falta de avances e as dúbidas que o actual Goberno español está a xerar sobre o financiamento do acceso ferroviario ao porto exterior de Langosteira.

Cómpre recordar que hai un ano, Fomento, Portos do Estado, Xunta e Autoridade Portuaria asinaron un protocolo para o desenvolvemento dos terreos portuarios e a conexión ferroviaria do porto exterior. Este acordo contemplaba o compromiso da execución da obra con fondos alleos á Autoridade Portuaria.

A conselleira fixo fincapé na importancia estratéxica do Porto da Coruña e tamén nas oportunidades que se abren coa inclusión do noroeste peninsular no Corredor Atlántico. Neste sentido, indicou que é fundamental aproveitar ao máximo as potencialidades desta infraestrutura como nó loxístico e industrial para elevar a competitividade de Galicia.

Reiterou a solicitude da Xunta ao Ministerio de Fomento para que se poña a traballar sen demora na redacción de proxectos de calidade que permitan traer os fondos europeos necesarios para mellorar a rede de ferrocarril de mercadorías.

Apuntou que o Goberno galego lle vén exixindo ao ministerio que presente os mellores proxectos ante Europa para impulsar unha rede ferroviaria no noroeste peninsular altamente competitiva, que faga de Galicia un territorio punteiro no eido do transporte e da loxística.

Conexión Vigo- Porto e saída sur
Por outra parte, na próxima reunión con representantes da Comisión Europea, a conselleira tamén trasladará a necesidade de optimizar a conexión ferroviaria a través da saída sur de Vigo, así como a aposta por iniciativas para a mellora da liña entre Vigo e Porto.

A Xunta vén defendendo a saída sur de Vigo para dar mellor conexión ferroviaria a todo o Eixe Atlántico con Ourense e o resto de España e tamén con Portugal, posto que sigue constituíndo unha conexión ferroviaria fundamental.

3 de abril de 2019 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.