publicidade hoxe

A Xunta pon en valor o labor de 450 socios da Sociedad Coperativa Gallega Ría de Arosa no cultivo e depuración de moluscos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBoiroLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, enxalzou hoxe o labor dos máis de 450 socios da Sociedad Cooperativa Gallega Ría de Arosa, dedicada á produción e depuración de marisco. Alí tamén puxo de relevo o grande arraigo desta cooperativa na zona e insistiu na incerteza coa que se atopan entidades coma esta ante a proposta de modificación do regulamento xeral de Costas presentada polo Goberno central, xa que o criadoiro, a depuradora e a cetárea desta cooperativa contan cunha concesión de Costas, expuxo.

Neste sentido, a titular de Mar, que estivo acompañada pola secretaria xeral técnica, Isabel Concheiro, explicou que a modificación proposta polo Goberno central afecta ás prórrogas das concesións de ocupación de dominio público marítimo-terrestre. En relación a este feito, lembrou a conselleira, preocupan tres cuestións, tal e como se destaca nas alegacións presentadas de xeito conxunto pola Xunta e como vén insistindo o Executivo autonómico en diferentes reunións e encontros cos sectores afectados.

Unha delas é o prazo de duración da concesión tendo en conta a prórroga, pois esta modificación do regulamento pretende que o prazo concesional extraordinario fixado en 75 anos se contabilice desde a data inicial da concesión, e non desde cando foi tramitada a súa renovación. Neste aspecto, incidiu Rosa Quintana, o que defende a Administración autonómica é que ese prazo, de 75 anos, non inclúa o da concesión senón unicamente as prórrogas. Do contrario, advertiu, poría en risco a viabilidade de empresas que deseñaron os seus plans empresariais de acordo cos prazos anteriormente previstos.

A segunda das cuestións que preocupan á Xunta é o feito de que se revisen novamente os requisitos cumpridos para o outorgamento da concesión cando se teña que decidir sobre a súa prórroga. Isto, destacou a conselleira, complicaría o futuro de numerosas instalacións ao incrementar a documentación, o tempo e os gastos necesarios para renovar ou ampliar esas concesións.

O terceiro aspecto que pon de relevo o Goberno autonómico sobre a reforma do regulamento de Costas é que establece ademais a obriga de derivar fóra da zona de dominio público marítimo-terrestre as actividades que poidan desenvolverse noutro lugar. Neste sentido, Rosa Quintana, subliñou que aínda que pode ser viable tecnicamente, implicaría un encarecemento da produción, polo que pode facer insostible a situación económica dalgunhas empresas ao provocar que perdan rendibilidade.

Nesta situación de inseguridade, lembrou, hai máis dun cento de empresas da cadea mar-industria asentadas no litoral de Galicia, entre as que se atopan depuradoras, cetáreas fábricas de conservas, etc. Ademais explicou que estes son algúns dos aspectos destacados nas alegacións presentadas pola Xunta. Nelas, expuxo Rosa Quintana, a o Executivo galego aposta por garantir ao máximo o principio de seguridade xurídica para que os distintos operadores afectados non queden expostos a cambios de criterio arbitrarios. Neste sentido, insistiu en que deben contar cun escenario claro e preciso para desenvolver a súa actividade.

Sociedad Cooperativa Gallega Ría de Arosa

A Sociedad Cooperativa Gallega Ría de Arosa ten as súas instalacións en Abanqueiro, no concello de Boiro, e conta con máis de 450 socios. Traballa en diversos proxectos, entre os que destaca a comercialización de toda a produción a través da súa propia depuradora, empregando a ecoetiqueta de pesca sustentable de MSC, ao que se suman desde o ano pasado dous postos na praza de abastos de Santiago para vender os seus produtos baixo o distintivo pescadeRías.

A sociedade conta con seis empregados e adoita depurar ameixa fina, babosa, xaponesa e berberecho. Tamén dispón dun criadeiro e puxo en funcionamento a súa primeira instalación no ano 1997, sendo a súa produción principal a ameixa babosa e a ameixa xaponesa, ademais de diversos proxectos coa ameixa fina e a ostra. No ano 2018 produciu e depurou máis de 19.000 quilos de molusco por un valor de máis de 240.000 euros e a súa facturación total superou os 600.000 euros.

24 de abril de 2019 | 18:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.