publicidade hoxe

A Xunta destaca que o actual estado sanitario da cabana galega aporta vantaxes para os gandeiros e a poboación en xeral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, destacou esta mañá na Comisión 7ª do Parlamento que o actual estado sanitario da cabana galega aporta privilexios e vantaxes para os gandeiros e para a poboación en xeral.

Así, sinalou que o feito de que Galicia estea declarada como rexión oficialmente indemne de brucelose bovina (acadada no ano 2017) e de brucelose ovina e cabrúa (acadada no ano 2013) revaloriza os produtos alimentarios galegos de orixe animal, á vez que ofrece garantías aos consumidores. “A erradicación dunha enfermidade transmisible ás persoas é un logro sanitario global”, matizou o director xeral.

Nesta liña, José Balseiros subliñou que Galicia tamén destaca por ser a comunidade autónoma coa prevalencia de tuberculose bovina máis baixa do territorio peninsular español, cun 0,05% no ano 2018 fronte outras comunidades como Andalucía (12,34%), Castela A Mancha (10,35%) ou Estremadura (9,75%). Ademais, o director xeral destacou que este ano a Comisión Europea declarou a provincia de Pontevedra como oficialmente indemne desta enfermidade.

Na súa intervención, o director xeral de Gandaría matizou que é importante ter unha mentalidade positiva pero á vez ser extremadamente prudente, de aí que os controis desta enfermidade sexan tan exhaustivos e se empreguen os métodos de diagnóstico oficiais que veñen recollidos na normativa estatal de aplicación e no programa nacional. Balseiros agradeceu o traballo dos servizos veterinarios oficiais e a colaboración plena dos gandeiros, pois grazas ao traballo conxunto de todos eles estanse conseguindo estes logros en materia de sanidade animal.

Vendima da DO Valdeorras

Pola súa banda, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, destacou o incremento en case un 12% na cantidade de uva recollida na vendima de 2018 na Denominación de Orixe Valdeorras, chegando aos 4,6 millóns de quilos deste froito, fronte aos datos de 2017.

Na súa intervención, Manuel Rodríguez puxo en valor o reparto equilibrado entre os volumes producidos de viños brancos e tintos, destacando as variedades godello e mencía nos caldos desta denominación. Ademais, o director da Agacal sinalou que grazas á condición sanitaria óptima que presentou a uva nesta colleita, agárdanse viños de excelente calidade, o que lles permitirá á Denominación de Orixe Valdeorras seguir gañando cota de mercado.

Base de Queimadelos

Finalmente, o director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, amosou a intención da Consellería do Medio Rural de seguir utilizando a base anti incendios de Queimadelos, no concello pontevedrés de Mondariz. Explicou ademais que se están a negociar coa Entidade Local Menor de Queimadelos as condicións de uso dos terreos para manter estas instalacións en uso, xa que se consideran necesarias para prestar un adecuado servizo fronte os lumes forestais en todo o distrito XVII (Condado-Paradanta) e mesmo fóra del.

Fernández-Couto engadiu que, no marco desta negociación, a Xunta está a valorar as contraprestacións a esta entidade nas diferentes reunións que se manteñen cos seus responsables para seguir utilizando a base nas mellores condicións para todas as partes interesadas. Anunciou unha próxima xuntanza coa Entidade Menor para avanzar nestas conversas, procurando acadar un acordo e regularizar a situación das instalacións.

24 de abril de 2019 | 18:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.