publicidade hoxe

A Xunta comprométese cos profesionais do taxi a contrastar a inscrición dos VTC autorizados en Galicia no rexistro nacional e a reforzar as inspeccións dotándose de máis medios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Ethel Vázquez no encontro con responsables da federación

Ethel Vázquez no encontro con responsables da federación

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, comprometeuse hoxe cos profesionais do sector do taxi a realizar un seguimento sobre a inscrición dos vehículos de turismo con condutor (VTC) que están autorizados en Galicia no rexistro estatal que comezou a funcionar o pasado 1 de abril.

Este rexistro obrigatorio ten por finalidade facilitar o traballo dos órganos de control competentes en relación coas obrigas de contratación previa ao inicio dos servizos e de prestar o 80% dos mesmos na comunidade autónoma na que estea domiciliada a autorización.

A conselleira mantivo esta mañá unha xuntanza con representantes da Federación de Autónomos do Taxi de Galicia (Fegataxi), na que, ademais, adiantou que a Xunta reforzará as inspeccións dotándose de máis medios para velar por unha competencia leal e unha convivencia harmónica entre todos os axentes presentes no mercado destes servizos de mobilidade.

Na reunión, Vázquez informou tamén de que os titulares de vehículos VTC xa poden solicitar na Xunta os distintivos identificativos que serán de uso obrigatorio en Galicia a partir do vindeiro 22 de maio.

Vázquez Mourelle, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, explicou que este elemento de identificación facilitará os labores de control e vixilancia para garantir que se cumpra a lei e contribuír á convivencia harmónica entre este colectivo e o do taxi. Precisou que estas inspeccións se veñen reforzando e o Goberno galego colabora coa Garda Civil e coa Policía Local.

Lembrou que a normativa estatal non esixe ningún distintivo externo aos VTC, polo que estes poden confundirse facilmente con vehículos de empresa empregados para o traslado do seu persoal.

Neste sentido, fixo fincapé na importancia de que o Executivo central estableza un marco regulador claro e igualitario no conxunto do Estado para que todos os actores poidan desenvolver o seu traballo en condicións de competencia leal.

A conselleira abordou neste encontro cos representantes da federación o Regulamento do Taxi de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta o pasado mes de setembro, cuxo texto recolle achegas dos profesionais do taxi e tamén dos usuarios.

Indicou que esta normativa ofrece maior seguridade xurídica aos profesionais, incide na simplificación administrativa para a prestación dos servizos e afonda nos dereitos dos usuarios.

Subliñou que se trata dun texto que permite avanzar na regulación do servizo, reforzando as garantías xurídicas do sector do taxi e tamén as prestacións aos usuarios.

24 de abril de 2019 | 18:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.