publicidade hoxe

A Xunta celebra unha xornada técnica sobre os contratos das 100 novas concesións de Transporte Público de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade celebra este mércores unha xornada informativa para explicar ás empresas do sector os pormenores dos contratos para a presentación de ofertas ás 100 novas concesións de transporte público interurbano, cuxo prazo está aberto desde o pasado venres e ata o vindeiro 3 de maio.

A xornada está orientada ás empresas interesadas na licitación do Plan de transporte público e se celebrará a partir das 10 de mañá no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública, en Santiago. Na mesma, os técnicos da dirección xeral de Mobilidade abundarán no detalle dos proxectos e o prego de condicións para a concesión das case 2.000 liñas de autobús que entrarán en funcionamento o vindeiro mes de agosto, momento no que vencen as actuais concesións en vigor.

Trátase de facilitar ás operadoras de transporte público regular integrado de viaxeiros de uso xeral por estrada a información dos principais datos dos 100 lotes nos que se dividiu a licitación, así trasladarán información concreta e precisa sobre o prego e os criterios de adxudicación e aclararán as cuestións que se formulen.

Estes contratos de transporte público terán unha vixencia de 10 anos e o seu ámbito territorial abrangue practicamente toda a provincia de Ourense (29 dos 100 contratos), gran parte da de Lugo (26 contratos), practicamente a metade da de Pontevedra (27 contratos) e determinadas zonas da provincia da Coruña (14 contratos).

Cómpre lembrar que o pasado xoves o Consello da Xunta autorizou a licitación dos proxectos de explotación que desenvolven esta primeira fase do Plan de Transporte Público de Galicia cun valor estimado de case 630 millóns de euros, dos cales máis de 500 serán achegados pola Administración autonómica e o resto son ingresos previstos, fundamentalmente, pola venda de billetes.

A renovación do mapa de transporte público autonómico completarase cos 50 contratos que se someterán a información pública o vindeiro mes de xuño co obxectivo de que empecen a prestarse os servizos en decembro.

8 de abril de 2019 | 16:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.