publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta avanza no cumprimento das medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero coa colaboración do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Rosa Álvarez, asinaron esta mañá dous convenios para desenvolver medidas ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero coa finalidade de seguir avanzando no cumprimento das medidas.

Na sinatura á que tamén asistiu a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, o vicepresidente indicou que a Xunta segue avanzando neste eido, despois de establecer colaboracións coa Consellería de Cultura e Turismo, con Educación, con Vivenda, con Deportes e con Política Social. Colaboracións que involucran a toda a Xunta para poñer en marcha iniciativas en materia de loita contra a violencia de xénero en bibliotecas públicas, festas e festivais de música; no ámbito educativo; nos deportes, para facilitar o acceso á vivenda,así como accións e campañas de igualdade no ámbito da mocidade, reforzo do Punto de Encontro Familiar ou unha partida para atención de menores vítimas de violencia sexual, entre outros.

Coa sinaturas dos convenios de hoxe co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, as mulleres e menores vítimas da Violencia de Xénero contarán con atención psicolóxica, xa que o programa está dirixido a mulleres que estean a sufrir ou teñan sufrido violencia de xénero, coa finalidade de ofertarlles recursos terapéuticos, e complementariamente a menores e outras persoas dependentes delas que teñan pasado pola mesma situación.

Inclúese ademais no convenio, a cobertura da asistencia domiciliaria urxente en caso de morte ou agresións especialmente graves por causa de violencia de xénero, sempre que sexa preciso, en coordinación co grupo GIPCE (Grupo de Intervención Psicolóxica en catástrofes e Emerxencias), así como a colaboración co Centro Autonómico de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero, no apoio terapéutico e psicolóxico das súas usuarias. Este ano inclúese como novidade a inclusión como potenciais beneficiarias por primeira vez ás vítimas da “violencia vicaria” ou “por interpósita persoa”, isto é, aquelas mulleres que padezan o asasinato dos seus fillos/as a mans do maltratador.

No marco deste mesmo convenio está incluído o programa de atención psicolóxica a homes con problemas de control da violencia no ámbito familiar:”Abramos o Círculo”. Un programa de atención psicolóxica especializada e de apoio dirixido a homes que adoptan actitudes inadecuadas nas relacións coa súa parella, coa súa familia, e que desexan adquirir novos modos de comportamentos exentos de agresividade.

Na mesma liña de atención psicolóxica ás vítimas, Alfonso Rueda e Rosa Álvarez asinaron o convenio para a posta en marcha dun servizo nos xulgados de quenda de garda psicolóxica, especializada e permanente, para mulleres e os seus fillos e fillas menores que sofren violencia de xénero. A atención terá carácter inmediato para as posibles situacións de urxencia, e prestarase a requirimento das forzas e corpos de seguridade, naqueles casos nos que se cumpran os criterios para a activación deste servizo, que poderá prestarse as 24 horas do día, os 365 días do ano en todos os partidos xudiciais galegos.

8 de abril de 2019 | 16:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.