publicidade hoxe

A Xunta aproba o novo regulamento da DOP Mexillón de Galicia e do seu Consello Regulador

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o novo regulamento da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Mexillón de Galicia e o seu Consello Regulador, co que se adapta ao marco normativo actual e ás prescricións recollidas no prego de condicións que se empregou para a inscrición desta denominación no rexistro europeo. A actualización desta norma facíase necesaria despois de que a Xustiza anulase a orde aprobada pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos en agosto de 2008, o que provocou que volvese a estar vixente o regulamento anterior, que databa do ano 2000.

A nova normativa aprobada pola Consellería do Mar supón adecuala tanto á regulación actual referida ás denominacións de orixe como a outras normativas que entraron en vigor nos últimos exercicios e que, por tanto, non se tiñan en conta no texto anterior.

O regulamento da DOP Mexillón de Galicia deixa claros distintos aspectos como o nome e o fundamento da protección do produto, o ámbito de protección, a necesaria diferenciación das marcas ou o logotipo da denominación xeográfica. Ao mesmo tempo, establece os criterios a seguir polo Consello Regulador á hora de elaborar os rexistros de inscritos na denominación, como tramitar as solicitudes de inscrición e tamén as altas e baixas.

A orde publicada hoxe polo DOG tamén regula outras materias como os dereitos e obrigas dos inscritos na denominación de orixe e o proceso de control e certificacións cos seus correspondentes órganos de seguimento e certificación. Ademais, recolle cales son as funcións do Consello Regulador e dos seus órganos reitores, así como o seu réxime económico, administrativo e contable.

O regulamento da DOP establece o réxime electoral do Consello Regulador, que fixa a duración do mandato dos membros do pleno en catro anos, aínda que coa posibilidade de que sexan reelixidos. En canto á celebración de eleccións, a orde establece que a súa convocatoria debe ser publicada nunha resolución no Diario Oficial de Galicia e que fixará tanto o calendario ao que debe axustarse o proceso electoral como as regras de aplicación.

Aínda que a convocatoria electoral será posterior, o regulamento xa establece algúns criterios a ter en conta na súa celebración como son a elaboración dos censos, a presentación e proclamación das candidaturas, o desenvolvemento da campaña electoral ou a designación dos membros da mesas electorais.

8 de abril de 2019 | 16:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.