publicidade hoxe

A Xunta apoia a implantación de sete novos viveiros industriais nos polígonos galegos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, informou esta mañá dos apoios concedidos a un total de sete concellos galegos para implantar viveiros industriais.

En total, a Xunta concede 1,5M€ a estes proxectos para a construción, reforma ou equipamento de naves industriais destinadas a viveiros industriais de empresas nos que se investirán un total de 2,36M€ e que poderán albergar a 29 compañías e xerar 40 empregos.

En concreto, implantaranse catro infraestruturas na provincia de Lugo (nos concellos do Corgo, Castro de Rei, Portomarín e Paradela), unha en Silleda (Pontevedra), outra en Vilar de Santos (Ourense) e tamén nas Somozas (A Coruña). Dos sete concellos beneficiarios, tres -O Corgo, Silleda e Vilar de Santos- son emprendedores (o que lles outorgou prioridade para acceder ás axudas resultando ser os tres con maior puntuación).

Todos os beneficiarios reciben unha axuda que vai, como máximo, ata o 80% do orzamento cun límite de 240.000 euros e deberán realizar o proxecto antes do 31 de outubro deste ano. Ademais, comprométense a convocar entre xaneiro e xuño de 2020 un procedemento para seleccionar as empresas que se poderán instalar nestas infraestruturas.

Con esta orde de axudas, a Xunta busca mellorar a competitividade da oferta de solo empresarial galego como elemento dinamizador da economía e do emprego a través duns espazos físicos, os viveiros, que pretenden apoiar o nacemento de novas empresas de carácter industrial. Estas instalacións axudan, ademais, a dinamizar a economía dos concellos rurais, fixando emprego e poboación nestes territorios.

Novos viveiros industriais

Cun apoio de 240.000 euros, O Corgo implantará un viveiro industrial no seu polígono que poderá albergar sete empresas nunha superficie de 822,34 metros cadrados dos que máis de 500 se destinará ás compañías e o resto a servizos comúns. Castro de Rei recibe un apoio de 240.000 euros para o polígono de Castro Ribeiras de Lea onde se implantará unha instalación para tres empresas de 863 metros cadrados dos que a maioría serán para as compañías. En Portomarín, cunha axuda de máis de 175.000 euros, instalarase un viveiro de 418 metros cadrados con capacidade para tres empresas no que máis de 300 metros cadrados de superficie será para elas e, por último, na provincia de Lugo, o polígono de Paradela albergará un viveiro con capacidade para cinco iniciativas empresariais e unha superficie de 1.437 metros cadrados, grazas a unha axuda de 240.000 euros.

Pola súa parte, Área 33, en Silleda (Pontevedra) contará cun viveiro para 5 empresas de 334 metros cadrados que terá cunha superficie para servizos comúns de 228 e o resto para as compañías. Recibe unha axuda de 240.000 euros. Vilar de Santos, en Ourense, desenvolverá en Santa Marta un proxecto de 426 metros cadrados destinado a dúas empresas cun apoio de 230.097 euros. E, finamente, As Somozas, na Coruña, terá un viveiro de 2.175 metros cadrados, con 1.875 destinados ás 4 compañías que se implantarán. Neste caso, a axuda ascende a preto de 135.600 euros.

15 de abril de 2019 | 18:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.