publicidade hoxe

A Xunta adxudica a mellora da estrada AC-418, ao seu paso por Malpica, cun investimento de 444.000 euros

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de mellora da estrada AC-418, ao seu paso por Malpica, por un investimento de case 444.000 euros.

Os traballos comezarán no vindeiro mes de setembro co fin de evitar afeccións ao tráfico no verán, tal como solicitou o Concello de Malpica. As actuacións, que se adxudicaron á empresa Construcciones López Cao S.L., teñen un prazo de execución duns catro meses.

O obxecto do proxecto é a reordenación e humanización da sección transversal da estrada nos seus últimos 300 metros, no treito urbano de Malpica.

A estrada conta actualmente con dous carrís e beiravías nas dúas marxes, aínda que estas teñen un ancho reducido, especialmente nos últimos 100 metros. Ademais, existen zonas de aparcadoiro na marxe esquerda nalgún tramo.

Estreitaranse aproximadamente 0,5 metros a calzada para destinar ese espazo ás beirarrúas. Ademais acometeranse melloras de firme e executaranse novas beirarrúas, que se pavimentarán con lousa de granito.

O proxecto tamén inclúe a renovación das redes de saneamento e pluviais, así como a humanización da área mediante a disposición de árbores e mobiliario urbano.

10 de abril de 2019 | 16:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.