publicidade hoxe

A Xunta abre o prazo para que as familias soliciten a prestación económica por fillas e fillos menores de ata tres anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta de Galicia abre mañá o prazo para que as familias pidan a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de ata tres anos correspondente a este ano 2019. Os interesados teñen 35 días hábiles para entregar as solicitudes, segundo recollen as bases que hoxe saen publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Poderán ser beneficiarias desta axuda económica directa aquelas persoas que teñan ao seu cargo nenas ou nenos menores de 3 anos nados entre o 1 de xaneiro de 2016 e o 31 de decembro de 2017 (ambos os dous días incluídos). Os nenos e nenas nados desde o 1 de xaneiro de 2018 reciben unha prestación similar a través da Tarxeta Benvida. Requírese tamén que ningún membro da unidade familiar estivese obrigado a presentar a declaración polo IRPF no ano 2017, nin a presentase de xeito voluntario aínda sen estar obrigadas a iso.

Serán igualmente beneficiarias desta axuda as fillas ou fillos adoptados ou acollidos mediante resolución xudicial ou administrativa ditada entre o 1 de xaneiro de 2016 e o 31 de decembro de 2017.

Ademais, en todos os casos, as persoas proxenitoras deben ter a súa residencia habitual en Galicia e na data da solicitude, os nenos e nenas deben convivir coa persoa solicitante.

O Goberno galego destina un crédito inicial de 2 millóns de euros ao pagamento destas prestacións, ampliable no caso de que sexa necesario para atender a todas as solicitudes que cumpran coas bases da convocatoria. A prestación consistirá nun pagamento único de 360 euros pola primeira filla ou fillo, de 1200 euros pola segunda ou segundo e de 2400 euros polo terceiro e sucesivos.

A Administración autonómica terá un prazo de resolución das axudas de cinco meses desde o día seguinte ao da data de que a solicitude teña entrada no rexistro para a súa tramitación.

3 de abril de 2019 | 16:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.