publicidade hoxe

A USC incorpórase ao programa da Xunta de Correspondentes Universitarios

Fabiola García na reunión co reitor da USC

Fabiola García na reunión co reitor da USC

A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para a incorporación desta institución ao programa de Correspondentes Universitarios, que con este acordo chegará aos sete campus das tres universidades galegas.

As persoas que actúen como correspondentes ocuparanse de difundir a información sobre os distintos programas e iniciativas para a xuventude entre os seus compañeiros de facultade, residencias e grupos de amigos. Xestionarán un punto de información con material sobre temas de interese que lles facilitará a Dirección Xeral de Xuventude, tamén promocionarán esta información a través das redes sociais e terán que asistir a reunións de coordinación e cursos de formación.

Como contrapartida a este labor recibirán de balde o carné xove, o carné internacional e o de alberguista. Ademais, recoñeceráselles cun certificado o tempo dedicado como persoas voluntarias a esta actividade e as competencias e habilidades que adquiriron durante esta experiencia. Tamén poderán validar ata un máximo de tres créditos.

O programa de Correspondentes Universitarios fomenta a participación activa dos estudantes como dinamizadores da información xuvenil, ao mesmo tempo que potencia aspectos formativos como as habilidades comunicativas e de liderado dos participantes.

24 de abril de 2019 | 18:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.