publicidade hoxe

A Cidade da Cultura ensina o seu ‘Gaiás segredo’ con novas visitas á arquitectura, zonas verdes e espazos restrinxidos ao público

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Cidade da Cultura pon en marcha a partir do 13 de abril un novo servizo de visitas comentadas, Gaiás segredo, que amosará a súa arquitectura e as súas zonas naturais dun xeito máis exhaustivo, á vez que terá un compoñente máis exclusivo, ao incorporar lugares habitualmente restrinxidos ao público como son a galería subterránea que comunica o complexo, as sobrecubertas dos edificios e os sofisticados depósitos bibliográficos.

As visitas comentadas Gaiás segredo estarán activas todos os sábados do ano ás 11,30 horas e ampliaranse aos xoves e aos venres en Semana Santa e nos meses de xullo e agosto, período no que ademais de ofrecerse en galego e castelán tamén se poderá dispoñer deste servizo en inglés un deses tres días.

Deste xeito, xa se poden mercar as entradas —en Ataquilla.com, Museo Centro Gaiás e na páxina web da Cidade da Cultura— para a partir do 13 de abril coñecer a fondo, da man dun dos guías do Servizo de Educación, Mediación e Atención ao visitante da Cidade da Cultura, a historia e as claves deste complexo arquitectónico que representa un dos exemplos máis interesantes da arquitectura contemporánea de España.

En Gaiás segredo, os visitantes poderán explorar esta urbe de cuarcita e cristal deseñada polo norteamericano Peter Eisenman coñecendo polo miúdo o Museo Centro Gaiás, cunha fachada de 43 metros; a Biblioteca e Arquivo de Galicia, cabeceira do sistema de bibliotecas galegas e do patrimonio documental da nosa Comunidade; e as Torres Hejduk, pensadas polo arquitecto John Hejduk como un invernadoiro vertical para Santiago, e trasladadas despois ao Gaiás, onde acolle intervencións artísticas.

Espazos restrinxidos ao público
Gaiás segredo tamén supón para os participantes acceder dun xeito exclusivo ao armado arquitectónico da Cidade da Cultura, xa que estas visitas comentadas inclúen espazos habitualmente restrinxidos ao público como son a galería subterránea que comunica o complexo e as sobrecubertas dos edificios, á vez que poder ver por dentro os sofisticados depósitos bibliográficos.

Finalmente, todos aqueles que fagan uso deste servizo terán a oportunidade de gozar dunhas visitas panorámicas de Compostela desde unha perspectiva pouco habitual, como é a do miradoiro do Bosque de Galicia. Gaiás segredo trátase en definitiva de amosar nun completo e exclusivo percorrido —limitado a só 20 persoas por quenda— para explorar unha das infraestruturas contemporáneas máis singulares de España.

3 de abril de 2019 | 17:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.