publicidade hoxe

Xurxo Alonso presenta en Vilagarcía o poemario “No interior do vento”, gañador do Premio de Poesía Avelina Valladares

cartaz xurxo vilagarciaA Sala de Conferencias do Auditorio de Vilagarcía de Arousa acolle este venres 22 de marzo, ás 20.00 h, a presentación do poemario “No interior do vento”, gañador do XXII Premio de Poesía Avelina Valladares e da autoría de Xurxo Alonso, publicado por Edicións Fervenza.

No acto, que estará aberto ao público ata completar aforo, o autor estará acompañado do escritor, investigador e crítico literario Armando Requeixo, do membro organizador do Premio de Poesía Avelina Valladares, Xosé Lueiro; e da concelleira de cultura do Concello de Vilagarcía de Arousa, Sonia Outón.

Así mesmo, contarase co acompañamento musical do grupo “Os Terribles de Arousa”.

A obra

Este poemario foi a obra gañadora do XXII Premio de Poesía Avelina Valladares, do que o xurado destacou: “Cun interesante uso da linguaxe onde a explosión expresiva persegue a coherencia. Harmonía a diferentes ritmos onde a singularidade motiva a construción comprensiva dende a diversidade temática dos poemas e na que os versos demandan a complicidade do lector. En resumo, un vento con contido para que a lectora e o lector sexan quen de darlle a forma precisa”.

Colaboracións 

Esta publicación, editada por Edicións Fervenza, contou coa colaboración da Xunta de Galicia e do Concello da Estrada. 

O autor 

Xurxo Alonso, (Bos Aires, 1956). Aínda que nado en Sudamérica é galego por ascendencia familiar e porque desde os oito anos reside en Vilagarcía de Arousa. Pintor e poeta, é licenciado en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Participou na súa formación como artista plástico en obradoiros dirixidos por, entre outros, Josep Guinovart, Manuel Alcorlo, Bonifacio Alfonso e Bruce McLean.

Galardoado co Primeiro Premio da I Bienal Cidade de Pamplona e co Primeiro Premio de Pintura Eixo Atlántico, a súa obra pictórica, con máis de setenta exposicións individuais realizadas, figura en importantes coleccións públicas e privadas de todo o Estado español.

No eido da poesía foi galardoado, entre outros, cos premios Francisco Añón (1998), Xohán de Requeixo (1999), Avelina Valladares (2000), Feliciano Rolán (2001), Xoán Carballeira (2001), Fermín Bouza Brey (2003), Concello de Carral (2004), Concello de Marín (2007), Concello de Ourense (2016) e Díaz Castro (2018). Ademais ten publicado os libros Onde viven os saqueadores de naufraxios (Espiral Maior, 2002), Cidades de area (Espiral Maior, 2005), Breviario de Aldemunde (Espiral Maior, 2005) e Cartas da fronteira (Espiral Maior, 2017).

20 de marzo de 2019 | 17:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.