publicidade hoxe

Uns 400 escolares participaron en Lugo no campionato provincial de orientación do programa Xogade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaLocal PortadaLugoPortada dereita
A-
A+

Preto de 400 rapaces e rapazas participaron hoxe na capital luguesa no campionato provincial escolar de orientación do programa Xogade, que impulsa a Secretaría Xeral para o Deporte.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, participou na entrega de premios, que tivo lugar na Casa do Deporte. A competición desenvolveuse ao longo da mañá no parque de Frigsa e congregou a escolares de 12 a 15 anos de nove centros educativos da provincia de Lugo, nas categorías infantil e cadete, masculino e feminino.

Nesta edición do programa Xogade, a modalidade de orientación foi unha das que colleitou maior aceptación. Trátase dun deporte no que os participantes compiten nunha carreira individual, contra reloxo e en terreo descoñecido, na que teñen que pasar por unha serie de puntos chamados controis, os cales están sinalados con exactitude no mapa, e situados no terreo mediante unha baliza.

No campionato que se desenvolveu hoxe, os deportistas tiveron que facer uso dos planos de localización para atopar entre oito e dez balizas distribuídas por todo o trazado e nun percorrido aproximado de 2.000 metros.

Os participantes son alumnos de secundaria do IES de Becerreá; IES do Camiño (Palas de Rei); CPI Uxío Novoneira (Pedrafita do Cebreiro); IES Fontem Albei (A Fonsagrada); IES Poeta Díaz Castro (Guitiriz); IES A Pinguela (Monforte de Lemos); IES Xoán Montes, IES Leiras Pulpeiro e CPR Fingoi (Lugo).

Balseiro lembrou a importancia de fomentar hábitos de vida saudables entre os máis novos e nese sentido, destacou que “o deporte debe de estar sempre presente na educación dos rapaces e rapazas”.

A Xunta promove o programa Xogade en colaboración coas federacións e agrupacións escolares da provincia. Vai dirixido aos centros de ensino, ANPAs, clubs, escolas deportivas municipais, agrupacións deportivas, asociacións e outras entidades que o desexen.

20 de marzo de 2019 | 16:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.