publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Un total de 1673 atletas participan esta fin de semana no máster do Campionato de España que se celebrará en Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaLocal PortadaOurense
A-
A+
Lete Lasa na presentación do XXX Campionato Máster de Atletismo en Pista Cuberta

Lete Lasa na presentación do XXX Campionato Máster de Atletismo en Pista Cuberta

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou esta mañá na Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense, Expourense, o XXX Campionato Máster de Atletismo en Pista Cuberta que se celebrará na pista de Ourense nos días 8, 9 e 10 de marzo. O responsable do Deporte galego destacou a importancia dos deportistas máis experimentados que xunto co deporte base e a alta competición representan as tres idades da actividade física. “Deportistas que xa non están na súa plenitude física, pero que seguen a ser exemplo e modelo a seguir para os máis novos por representar valores tan importantes como constancia, traballo, esforzo, sacrificio ou superación”, engadiu.

José Ramón Lete Lasa fixo referencia ao deportista de maior idade que participará no campionato, Antonio Marques Blanco, que o vindeiro venres cumprirá 90 anos, así como ao galego con máis anos que é Antonio Cabana Orosa que tres días despois cumprirá 81. Eles representan, dixo o secretario, “o que todos e todas queremos chegar a ser, persoas cheas de enerxía que conta cunha saúde de ferro despois de tantas décadas de vida”.

Ao fío desta idea, o mandatario galego destacou a importancia de dous programas da Secretaría Xeral para o Deporte como son o Plan Galicia Saudable, que fai fronte ao aumento de mortes, enfermidades e discapacidades provocadas polo sedentarismo e a práctica insuficiente de actividade física, así como o Programa Xogade que xunta toda a oferta lúdica e deportiva en idade escolar promovida pola Xunta de Galicia.

1.673 atletas con gran presenza feminina

O titular de Deporte Galego enumerou algúns datos xerais como os 1.673 atletas inscritos na competición. Do total, o 33% son mulleres (546) e o restante 67%, homes (1.127). Galicia é a segunda comunidade, tras Madrid, que achega á competición maior número de atletas (303) dos que o 40% son mulleres (119) e o restante 60%, homes (184). Algo similar, dixo o secretario xeral, ocorre coas licenzas coas que conta a Federación Galega de Atletismo, “das 7.291 licenzas, 3.060 (42%) corresponden a mulleres e 4.231 (58%) a homes”.

Na semana da muller, Lete Lasa fixo un chamamento a todas as mulleres deportistas para que se animen a practicar o deporte de competición e que acheguemos cada vez máis as cifras de deporte feminino ás de deporte masculino. Neste sentido lembrou a historia de Kathrine Switzer, a primeira muller que correu a maratón de Boston en 1967 cando estaba destinada exclusivamente aos homes. “Grazas á valentía de Kathrine, hoxe podemos celebrar grandes xestas como a de Ana Peleteiro, que vén de proclamarse campioa de Europa indoor acadando a mellor marca española de todos os tempos”, sentenciou.

Por último, o secretario xeral agradeceu a todas as administracións e á federación o seu traballo por facer posible que “unha das tres mellores pistas de atletismo cuberta que ten España se encha con contido deportivo que estea á altura da súa calidade”. Deste xeito destacou a compatibilidade de usos e a versatilidade das infraestruturas deportivas de Galicia como tamén demostra a construción dun rocódromo no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo.

6 de marzo de 2019 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.