publicidade hoxe

Os gobernos de Galicia e do País Vasco poñen en común as súas experiencias co obxecto de mellorar a atención primaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+
Reunión dos representantes de Saúde de ambos gobernos

Reunión dos representantes de Saúde de ambos gobernos

Membros do equipo directivo da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e do departamento de Saúde do Goberno do País Vasco reuníronse hoxe en San Lázaro para compartir experiencias sobre iniciativas semellantes que as dúas comunidades autónomas están a desenvolver en temas de sanidade, fundamentalmente a atención primaria. Tamén hoxe, o conselleiro de Sanidade do Goberno Vasco, Jon Darpón, foi recibido en San Caetano polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nun encontro ao que asistiu o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña.

O máximo responsable do Servizo Galego de Saúde dixo que ambos departamentos sanitarios puxeron en común os dous novos modelos de atención primaria de ámbalas dúas comunidades. Neste senso, Almuiña dixo que Galicia e o País Vasco teñen unha poboación envellecida, con patoloxía crónica, pluripatolóxica e que a reformulación da atención primaria é necesaria para mellorar non só os roles dentro dos centros de saúde, senón, tamén, a relación entre os dous niveis asistenciais, de xeito que esta relación de colaboración sexa máis fluída.

Solucións similares

O titular da carteira sanitaria galega manifestou que as solucións que ambos organismos autonómicos, o galego e o vasco, están a aportar á sociedade e ao conxunto dos profesionais, son similares, aínda que parten dunha análise diferente.

Almuiña tamén dixo que o departamento sanitario vasco está moi interesado no plan de humanización no que traballa o Sergas, e que as dúas consellerías seguirán a cooperar en temas como a innovación. Neste senso, o conselleiro subliñou que a compra pública innovadora galega ten moito interese para o Goberno vasco e, nesta liña, ambas comunidades tratarán de desenvolver accións.

O responsable da sanidade pública galega dixo que o Plan de necesidades para a atención primaria que onte presentou o seu departamento é exclusivo para este nivel asistencial, posto que os plans anteriores iban en conxunto tanto a primaria como a especializada. Imos triplicar a cantidade que estábamos achegando nos últimos anos. Así, en dous anos, investiremos 17,3 millóns en equipamento para centros de saúde, mobiliario e informática e para reformar centros de saúde, subliñou.

O titular da carteira sanitaria destacou tamén, como outra das novidades, que a priorización tanto de obras como de equipamento, mobiliario e informática vai partir dos xefes de servizo dos centros de saúde, que serán unha peza moi importante non só nas decisións asistencias, senón, tamén, nas dotacións.

Medidas concretas

Logo da súa recepción co presidente galego, Darpón destacou que Galicia é a Comunidade Autónoma na que mellor evolucionou o sistema sanitario na última década. O salto cualitativo que deu esta comunidade é moi importante e os galegos deben sentirse orgullosos do sistema de saúde que teñen.

Jon Darpón subliñou que o presidente da Xunta é un gran coñecedor do sistema sanitario polo seu paso polo Estado. Galicia e o País Vasco temos, -dixo-, unha relación establecida para compartir áreas de mellora, diagnósticos e enfoques, non só dentro do Consello Interterritorial, senón con visitas periódicas que nos cursamos.

Compartimos un modelo social, cunha sociedade envellecida donde a porcentaxe de persoas maiores de 65 está en cifras altas, case o 25% en Galicia e máis do 21% no País Vasco. Os datos reflicten que a sociedade vai seguir con este envellecemento. Isto é un reto para a sanidade pública e especialmente para a atención primaria, sinalou Darpón.

Temos dúas estratexias cun diagnóstico común e medidas concretas para realizar o relevo xeracional que se vai producir nos médicos de primaria, co obxecto de perfeccionar as súas funcións, e para que teñan máis tempo de atención clínica, mellorando as prestacións e a capacidade de apoio do persoal de enfermería no seu traballo conxunto cos médicos, -incidiu-.

Queremos mellorar tamén, -dixo Darpón-, as sedes administrativas dos centros de saúde e a relación tecnolóxica a través das plataformas postas en marcha nas dúas comunidades (historía clínica electrónica e receita electrónica), ademais da relación do sistema sanitario co paciente a nivel de domicilio.

Destacou tamén Darpón, o plan de humanización da asistencia sanitaria en Galicia que lle presentou o Sergas e que van estudiar en detalle, xa que o considera moi interasante.

Igualmente, remarcou que Galicia e o País Vasco levan tres anos cooperando en I+D+i en biociencia e saúde. “Para nós o modelo de compra innovadora de Galicia é referencia no conxunto do Estado e nos miramos nel”, manifestou.

O conselleiro de Sanidade do País Vasco destacou que en España temos un gran servizo de saúde, moi eficiente, sustentado polos profesionais sanitarios e por unha programación con bastante fundamento realizada por cada comunidade autónoma. Ao respecto sinalou que non é por casualidade que España sexa o país que teña a esperanza de vida maior do mundo.

6 de marzo de 2019 | 18:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.