publicidade hoxe

Os agricultores da zona tampón da couza da pataca teñen ata o 31 de maio para declarar os seus cultivos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

Os agricultores da zona tampón establecida para controlar a expansión da couza guatemalteca da pataca teñen de prazo dende mañá ata o vindeiro 31 de maio para presentar as súas declaracións de cultivo de tubérculo. Así o establece unha resolución da Consellería do Medio Rural que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia (DOG).

En virtude desta resolución, prorróganse tamén todas as medidas fitosanitarias establecidas para a erradicación e control con respecto a este organismo de corentena e en concreto a expresa prohibición do cultivo de pataca nas zonas infestadas ata que transcorran dous anos desde o último insecto capturado nas trampas.

No DOG lémbrase que a día de hoxe os concellos infestados na provincia da Coruña son: A Capela, Ares, As Pontes, Cabanas, Cariño, Fene, Ferrol, Mañón, Mugardos, Muxía, Narón, Neda, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño. Na provincia de Lugo os concellos infestados son: Abadín, Alfoz, A Pontenova, A Pastoriza, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, O Valadouro, O Vicedo, Ribadeo, Riotorto, Trabada, Viveiro e Xove.

Por outra banda, está considerada zona tampón na provincia da Coruña a totalidade da superficie dos concellos das Somozas, Cedeira, Cerdido e Moeche, ademais dunha franxa de 5 quilómetros limítrofe cos municipios infestados, que afecta a parcelas dos concellos de Pontedeume, Monfero, Vilarmaior, Miño, Cee, Corcubión, Camariñas, Carnota, Dumbría, Fisterra e Vimianzo. Na provincia de Lugo a zona tampón supón unha franxa de 5 km limítrofe cos concellos infestados, que afecta a parcelas dos concellos de Xermade, Muras, Vilalba, Cospeito, Castro de Rei, Pol, Meira, Ribeira de Piquín e A Fonsagrada.

6 de marzo de 2019 | 17:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.