publicidade hoxe

O DOG publica a orde de aprobación definitiva parcial do Plan Xeral do Concello de Vilaboa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada dereitaVilaboa
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde de aprobación definitiva parcial do PXOM de Vilaboa, un documento que virá substituír unha normativa obsoleta e moi básica que databa do ano 1998 co fin de outorgar seguridade xurídica á situación urbanística deste concello pontevedrés.

Con este anuncio no DOG dáse un paso máis de cara á entrada en vigor do documento, que converterá a Vilaboa no concello galego número 100 en contar cun planeamento total ou, como neste caso, parcialmente adaptado á normativa urbanística en vigor. De todos eles, 70 foron aprobados desde 2009 polo actual Goberno galego e 12 recibiron o visto bo no que vai da actual lexislatura. Unhas cifras que son un bo reflexo do esforzo realizado pola Xunta na última década a prol dun urbanismo responsable e co fin de chegar ao obxectivo de “ningún concello sen PXOM”.

Tras a aprobación definitiva parcial do planeamento de Vilaboa por parte da Xunta, os únicos trámites pendentes para a súa entrada en vigor correspóndenlle agora ao concello, que deberá publicar a normativa e as ordenanzas do plan xeral no Boletín Oficial da Provincia e inscribilo a continuación no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

Aínda que o novo instrumento abrangue á maior parte do municipio, cómpre precisar que hai unha serie de núcleos rurais que quedan fóra do mesmo. A razón desta suspensión, tal e como lle trasladou a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ao Concello de Vilaboa, débese á necesidade de regularizar varias captacións de auga potable nestes ámbitos antes de darlle o visto bo definitivo, xa que, de non proceder á mesma, podería motivar a anulación do novo PXOM, botando así por terra 18 anos de traballo.

O PXOM en cifras

O plan xeral de ordenación municipal de Vilaboa vén substituír as normas subsidiarias municipais do ano 1998, unha normativa obsoleta e moi básica. Con el, establécese un novo marco legal que dá resposta á situación particular deste municipio, outorgándolle a seguridade xurídica necesaria, coherencia coa realidade territorial do municipio e un desenvolvemento sostible do seu territorio cunha proxección a 20 anos.

A redacción deste instrumento supuxo estudar en detalle a totalidade da superficie do termo municipal, case 37 quilómetros cadrados nos que o solo maioritario é de carácter rústico (un 84,9% do territorio), seguido polo solo de núcleo rural (un 13,73%), solo urbano (un 1,02%); e solo urbanizable, (un 0,35%).

No documento cómpre salientar a implantación dunha política de solo industrial coa creación dun sector de solo urbanizable estratexicamente situado en relación co sistema viario, así como a integración do termo municipal coa área funcional Pontevedra-Vigo e o aproveitamento da súa situación dentro da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Así mesmo, o novo PXOM reserva un total de 150.758 metros cadrados para o sistema xeral de espazos libres e zonas verdes, un 18,95% máis do que esixe a Lei do Solo, e outros 71.564 metros cadrados para o sistema xeral de equipamento comunitario, un 69,4% máis do que marca a normativa.

7 de marzo de 2019 | 19:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.