publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O conselleiro de Sanidade pide ao Ministerio máis concreción e máis accións no seu novo modelo de atención primaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, pediu hoxe ao Ministerio “máis concreción e desde logo máis accións” para empezar a resolver o problema da atención primaria. Desde xeito, o conselleiro referiuse ao borrador do novo modelo de atención primaria que presentou a ministra de Sanidade e que segundo Almuiña, tan só recolle un 16% de medidas a curto prazo. O novo modelo galego plantexa 175 medidas, das que 40% son para implantar a curto prazo.

Almuiña amosou a súa decepción pola falta de resposta ministerial á reiterada petición de Galicia sobre a necesidade de acreditar novas unidades docentes para médicos de familia e pediatría. Cómpre lembrar que Galicia xa manifestou en numerosas ocasións a necesidade de aumentar un 26% as prazas MIR de medicina de familia e un 23% as prazas de pediatría con respecto do exame MIR de 2017. En concreto, solicitou acadar na próxima convocatoria as 124 prazas para a especialidade de medicina de familia e incrementar en seis prazas a de pediatría, pasando das 20 actuais ata 26.

Tamén falou o conselleiro da proposta ministerial para potenciar un novo contrato de dous anos de duración para os MIR que rematan a súa formación. Almuiña remarcou que en Galicia xa se aprobou un modelo de contrato de substitución de ata tres anos ao que se poden acoller non só os MIR, senón tamén o resto dos profesionais.

O titular da carteira da Sanidade galega, non ocultou a súa decepción por terse enterado durante a xuntanza, polos medios de comunicación, da negativa a convocar a OPE extraordinaria que solicitaran en varias ocasións. Almuiña considera esta medida como un erro, xa que vai retrasar a solución aos problemas da atención primaria, aínda que amosouse partidario de seguir dialogando. O conselleiro afirmou que “necesitamos máis médicos de familia e pediatría e as comunidades autónomas, que somos as que financiamos esa medida, estamos polo labor”.

Almuiña dixo que é necesaria a convocatoria dun novo Consejo Interterritorial do Sistema Nacional de Salud sen que pase moito tempo, no transcurso do cal debería presentarse o actual documento coas medidas para atención primaria de xeito máis desenvolvido.

20 de marzo de 2019 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.