publicidade hoxe

O 11 de marzo comeza o prazo para inscribirse nas oposicións da Consellería de Educación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional abre o vindeiro luns, 11 de marzo, o prazo para inscribirse nas oposicións deste ano, tras a publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia da Orde pola que se convocan os procedementos selectivos de ingreso e acceso aos distintos corpos docentes. Trátase, en total, de 2.064 prazas en 36 especialidades. Do total das prazas desta oferta de emprego público, 1.122 son relativas á taxas de reposición, 666 á estabilización de emprego temporal e 276 son prazas de promoción interna.

O 1 de abril rematará o prazo de presentación das solicitudes, que deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Poderán cubrirse tamén na páxina web da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, aínda que a presentación deberá ser sempre a través da devandita sede electrónica. No portal educativo da Xunta de Galicia publicarase a lista provisoria de persoal admitido e excluído, contra a que se poderán formular reclamacións por medios electrónicos no prazo de cinco días hábiles.

O sorteo público dos tribunais terá lugar o día 22 de maio de 2019. Para aquelas persoas que teñan que realizala, a proba de acreditación de coñecemento do galego terá lugar o día 7 de xuño de 2019, ás 18 horas, no IES As Fontiñas (Santiago de Compostela); mentres que os que teñan que acreditar o seu coñecemento do castelán a proba será tamén o 7 de xuño, ás 17 horas, no mesmo centro educativo.

O procedemento selectivo dará comezo o día 22 de xuño de 2019. O acto de presentación de asistencia obrigatoria para todos os aspirantes celebrarase ese mesmo día ás 9 horas.

8 de marzo de 2019 | 12:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.