publicidade hoxe

O 061 de Galicia insiste na condena ás sabotaxes contra as ambulancias da Rede de transporte sanitario urxente nas xornadas de folga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 insiste en condenar firmemente as sabotaxes e actos vandálicos realizados contra as ambulancias da Rede de transporte sanitario urxente durante a terceira convocatoria de xornadas de folga, que comezou o pasado día 4 ás 00:00 horas e que está previsto se manteña ata ás 23:59 horas do próximo domingo, 10 de marzo. A convocatoria de folga enmárcase no contexto da falta de acordo na negociación polo convenio colectivo entre a patronal e os técnicos en emerxencias sanitarias que realizan o servizo de transporte sanitario urxente e non urxente en Galicia.

Cómpre subliñar que Urxencias Sanitarias de Galicia-061, como servizo encargado do transporte sanitario urxente extrahospitalario na Comunidade Autónoma, ten a consideración de servizo esencial para a poboación e, polo tanto, os servizos mínimos establecidos durante as convocatorias de folga son do 100 %.

Picadas nas rodas

Desde as 12:00 horas do día 6 e ata ás 12:00 de hoxe, 7 de marzo, rexistráronse picadas nas rodas de 15 ambulancias asistenciais de soporte vital básico con base nos concellos de Vigo (catro ambulancias), Sada, Baiona, Mazaricos, Nigrán, Noia, Santiago de Compostela, Vila de Cruces, O Porriño, Melide, Boiro e Cambados. Todos os vehículos substituíronse no menor tempo posible e seguiron prestando asistencia sanitaria con normalidade.

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 continúa a traballar de xeito responsable e comprometido coa poboación para garantir a asistencia sanitaria urxente, de xeito que a convocatoria de xornadas de folga non prexudique a calidade da mesma e os cidadáns non se vexan privados do seu dereito a recibir a asistencia sanitaria máis adecuada ás súas necesidades. Por isto, insiste en facer novamente un chamamento ao comportamento responsable e consecuente, ademais de esixir respecto aos bens e as persoas.

7 de marzo de 2019 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.